A literatura oral colle forza na AELG

A asociación é de escritores e escritoras mais a oralidade está a coller forza na AELG. Un grupo de traballo, coordinado por Antonio Reigosa, dará continuidade a Polafías, Xornadas de Literatura de Tradición Oral ou a iniciativa de Mestras e Mestres da Memoria. 

Coordinada por Antonio Reigosa, a Sección de Literatura de Tradición Oral promove a creación dun Grupo de Traballo que está a ser anunciado con motivo da conmemoración o 20 de marzo do Día Mundial da Narración Oral. 

Ana Acuña, Félix Castro, Isidro Novo, María do Carme Pernas, Calros Solla, Xurxo Souto e o propio Antonio Reigosa forman parte deste novo grupo que dará continuidade a actividades como as Polafías, Xornadas de Literatura de Tradición Oral ou Mestras e Mestres da Memoria. 

O propio sábado 21 de marzo ás 17.30 terá lugar a primeira das dúas Polafías que se realizarán neste 2015. Co lema “Non deas a esquecemento: regueifeiras/os” a actividade desenvolverase en Tallo, Ponteceso. 

O novo grupo promoverá actividades a nivel local coma as que se foron desenvolvendo nos pasados anos en Lugo como Obradoiro de Narración Oral, Letras das Festas ou o Recital de Coplas de Antroido. Entre outros proxectos elaborarán unidades didácticas e crearán un blog específico da sección. 

Comentarios