O seu primeiro e anterior libro era de relatos, Sapos e sereas (Galaxia, 2017). A que se debe o salto á novela?
Sempre defendín que son escritora de relatos. É un formato que me gusta moito e non me parece nada doado. O que pasa é que eu empecei a escribir As ramonas un pouquiño antes de asinar o contrato de Sapos e sereas. Fun escribindo, publicouse Sapos e sereas e fun vendo a recepción. Ademais, sempre temos algo dentro que nos leva a pensar en se seriamos quen de facer outra cousa. Como un reto. As ramonas naceu máis por divertimento. Quería contar a historia e nun relato tería que condesala demasiado. Por iso naceu esta historia máis longa, aínda que tampouco é que sexa unha novela moi longa. Mais para min escribir curto é máis difícil e ao mesmo tempo é moito máis interesante.
Á hora de escribir, que diferenza hai entre decidirse por un formato ou por outro?
A min divírteme máis o relato. Gústame crear personaxes constantemente. Nunha novela eu non teño capacidade –como escritora– para crear personaxes abondo para divertirme. Hai que seguirlles o fío e aínda non cheguei a ese punto. Ao mellor algún día chego.
Pero polas Ramonas transitan moitos personaxes.
Si, hai moitos personaxes, pero cunha vida moi curta. Nacen e morren seguido. Non fisicamente, quere dicir que o seu percorrido na historia é moi curto.
Un traxecto de Blablacar.
Si. No entanto, no relato podes crear un personaxe condensado, desde que nace até que morre. E só nunha acción que ti elixas. Para min é moito máis divertido, atraínte e sedutor escribir relato. Pero creo que ten máis relación co tema das personaxes que co tema das historias.
Di que As ramonas naceu como divertimento e, porén, é unha novela pesimista.
Teño unha especie de frustración. Porque eu son unha persoa incoherentemente optimista. Está ardendo e digo: “Bah, seguro que non arde”. E á hora de escribir sáenme uns personaxes terríbeis aos que lles pasan cousas terríbeis. Pero estou moi obsesionada con cinxirme moito á vida, non disfrazala. Hoxe en día hai un nivel de aparencia de felicidade, de soños que se conseguen... Parece que o negativo na vida non exista. Eu creo que, na miña posición de escritora, loito contra iso. Estou obsesionada por explicar que a vida tamén ten esa parte fea e que tamén se convive con ela. Pasoume en Sapos e sereas, pasou en As ramonas, e creo que me está pasando no que estou escribindo agora. Esa parte non bonita, non edulcorada da vida, sempre acaba tendo moita presenza. Sempre edulcoramos, a través de determinados filmes, a través da publicidade, a través de como se venden determinadas historias. Edulcórase e sempre se dá unha visión da vida moi superficial.
[Podes ler a entrevista íntegra no número 328 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]