Entre o 13 e 19 de maio

A literatura infantil e xuvenil, protagonistas da 1ª edición de LIX Rianxo

O concello de Rianxo acollerá, durante a vindeira semana, a primeira edición dun evento dedicado á literatura galega que ten a cultura lusófona como invitada. Durante todo o evento, diversas persoas do mundo da escritura e do audiovisual presentarán as súas obras ao público do municipio. 

A vila mariñeira de Rianxo, terra nai de autores como Rafael Dieste, Manuel Antonio e Castelao, sempre foi unha fonte de cultura inesgotábel. Entre o 13 e o 19 deste mes, o municipio do Barbanza reafirmarase na súa posición. Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, o concello albergará a semana da literatura infantil e xuvenil coa celebración da 1ª edición de LIX Rianxo.

A finalidade deste evento é o de apostar na lectura como unha ferramenta de aproximación entre o público e a súa identidade cultural. Tamén como forma de aproximar olladas, crear empatía e redescubrir outras realidades máis afastadas. Sempre tendo en conta o papel de transformador social dos libros e a literatura.

O portugués e a cultura lusófona son os convidados nunha edición centrada no carácter revolucionario e destinada a público que abrangue desde preescolar até as máis adultas, sen esquecer a mocidade.

Entre as actividades que se desenvolverán compre facer fincapé nos encontros, contacontos e exposicións literarias. O premio nacional de literatura infantil e xuvenil, Antonio García Teijeiro, e a escritora Paula Carballeira terán o día 13 e 14, respectivamente, unha xuntanza co alumnado dos centros escolares municipais. Pola súa parte, a escritora Helena Villar conversará cun público máis adulto na tarde da terza feira.

Porén non todo será falar de libros. Tamén haberá tempo para aprender a crealos. A galardoada co premio Torrente Ballester Eli Ríos impartirá un obradoiro de escritura creativa ás 18.30 da tarde do día 15. Mentres que a xornalista María Solar e o ilustrador Victor Rivas ensinarán ás persoas asistentes, ás 19.30 da sexta feira, a deseñar as criaturas da súa obra Quokka Mokka.

Ademais de dialogalos e xeralos, os libros estarán recitados. Durante toda a semana a vila acollerá a multitude de contacontos. O día 14, ás 18.30 horas, Vero Rilo e Sonsoles Penadique presentarán o espectáculo musical “A formiga no carreiro”. Na mañá do 16, Quique Mauricio e Carlos Taboada reuniranse co alumnado da vila para deleitalos co contacontos ilustrado “Periplo Atlántico”. A tarde dese mesmo día, a actriz Isabel Risco presentará “Familias diversas".

Durante a fin de semana os contacontos estarán centrados nunha temática concreta, neste caso o ecoloxismo. Na maña do día das Letras, Brais das Hortas achegará a súa nota musical con “Zona en obras", mentres que Xiada Sanlés, durante a tarde, contaralles aos bebés “Onde está o vento?”. No día de feche, Anxo e Brais Moure mesturarán música e contos na “Revolución Ecolóxica”.

“Carvoeirinhos” de Roger Mello; “Paseniño, Paseniño” de García Teijeiro (coas ilustracións de Marcos Viso); e “Portuguesas con M Grande” de Catia Vidiñas serán as tres exposicións dispoñíbeis para as persoas que se acheguen á biblioteca e ao auditorio municipal.

Asomando entre tanto acto literario deixarase ver o cinema. A realizadora Diana Gonçalves proxectará o seu documental “Mulleres da raia”, no día inaugural ás 20 da tarde. Como antesala, ás 18.30 Kraken Animación realizará un obradoiro sobre o Stop-motion. Pola súa parte, o día 15, Raquel Queizás visitará o alumnado co seu espectáculo de narrativa oral “Cinema de historias”.

Comentarios