A Deputación de Pontevedra organiza sete roteiros literarios

Literatura fóra do papel

A literatura é tamén unha porta á realidade. Os mundos imaxinados por poetas e novelistas existen máis alá do papel. Para demostralo, a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizan sete roteiros literarios conducidos por escritoras e escritores. Serán entre o 25 de agosto e o 6 de outubro.
 

Bueu,_Praia_Pescadoira
photo_camera Praia da Pescadoira, en Bueu, de onde sairá o derradeiro dos roteiros literarios, conducido pola poeta Lucía Novas. Foto: cedida.

O poeta Xosé Daniel Costa Currás encargarase na primeira xornada, sábado 25 de agosto, de amosarlle ás asistentes Moaña, as traballadoras do mar. Precisamente un dos seus premiados libros de poemas -Conservas (2009)- trata -entre outros asuntos- sobre o proletariado feminino no litoral galego. O paseo sairá da estación marítima ás 11.30 (todos os roteiros serán a esta hora).

Unha semana despois, Marcos Calveiro explicará a Vilagarcía de Arousa en que ambientou O xardineiro dos ingleses (2017), a súa última novela. A obra relata a chegada de ingleses e alemáns a Arousa no inicio do século XX e como esa apertura incide nas arelas de liberdade e revolta contra a historia dos habitantes indíxenas. A ruta parte do Cemiterio dos Ingleses.

O 8 de setembro Marcos Seixo contará a Cuntis do intelectual agrarista e galeguista Roberto Blanco Torres, asasinado en outubro do 36. O roteiro comeza no Hotel da Virxe. Para a seguinte sesión, o 15 de setembro, Ledicia Costas percorrerá o Vigo de Jules Verne nunha xornada titulada Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, como a súa novela de 2016, con saída na fortaleza do Castro.

Susana Sánchez Arins guiará, o sábado 22 de setembro, Seique, quando os passeios eram morte. Seique titulou xustamente a súa obra narrativa publicada en 2015, unha magnífica peza de indagación nada compracente nos pregamentos da memoria. Será entre Ribadumia, Meis e Barro, con saída en Ponte Arnelas (Ribadumia) e traxectos en autobús.

De Sobredo, en Guillarei, arrincará Tui na literatura, conducido pola profesora e poeta Marga do Val o sábado 29 de setembro. O último dos roteiros correrá a cargo da poeta Lucía Novas, será en Bueu o 6 de outubro e o seu motivo será Johán Carballeira, poeta e xornalista galeguista, alcalde da localidade tras a vitoria da Frente Popular e fusilado polos fascistas na Caeira en 1937. Partirá do peirao da praia de Pescadoira.

Por cada un dos roteiros hai 50 prazas dispoñíbeis. Cómpre inscribirse previamente -máximo de catro reservas por persoa- no enderezo electrónico [email protected].

Comentarios