xoves 02/12/21
Isabel Soto traduce a novela 'Filibuth ou o reloxo de ouro'

A literatura cubista de Max Jacob

O mundo, a inicios do século XX, acelarábase. O capitalismo despregábase con enorme potencia. E os artistas procuraban novas vías para se relacionar esteticamente co real. E criticalo. Na pintura cubista, por caso, a realidade descompúñase en planos diversos, as perspectivas eran simultáneas, as superficies xacían en xustaposición. A proposta acabou por se filtrar na literatura. O francés Max Jacob, íntimo de Picasso, foi un dos escritores que máis adheriu a esa corrente.
 

Jacob,_Max_(1876-1944)_-_1934_-_Foto_Carl_van_Vechten,_Library_of_Congress
O escritor Max Jacob en 1934. Foto: Carl van Vetchen (Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos).

Filibuth ou o reloxo de ouro (Hugín e Munín, 2018) é, despois de Historia do rei Kabul I e do pinche Galván (1903), a segunda obra de Jacob publicada en galego. Da versión encargouse Isabel Soto, última premio Plácido Castro de tradución. Orixinal de 1923, cando o autor xa contaba 47 anos e unha delongada carreira literaria, a narración é colectiva, coral, con múltiples enfoques. De aires cubistas.

cuberta-jacob

“Tece unha historia da sociedade francesa mediante o retrato de gran cantidade de figuras de xtracción social dispar”, explica a editorial na contracapa, quen menciona do seu estilo “árboreo, atropelado, rompedor e nada habital”. A lingua percorre unha ampla variedade de rexistros, da metáfora pos simbolista á fala popular. E de fondo, a vida do propio Max Jacob: “Parte da crítica defínea como unha novela autobiográfica desenfadada e vangardista”.

Mais os trazos biográficos de Filibuth ou o reloxo de ouro non chegan ao tramo final da vida do escritor. De orixe xudea aínda que de práctica católica, amigo de Jean Cocteau, distanciado dos surrealistas -o grupo que marcou boa parte da literatura francesa entre os 20 e os 30-, a entrada en vigor das leis antisemitas durante a ocupación nazi de Francia provocaron a súa caída en desgraza. Perdeu os dereitos de autor e non puido volver publicar.

O 24 de febreiro de 1944 foi detido en París pola Gestapo. Boa parte da súa familia xa fora enviada aos campos de concentración e exterminio do III Reich. O 5 de marzo morreu no lager de Drancy a causa dun infarto.

Ademais do Filibuth... que agora saca en galego Hugín e Mugín, Henrique Harguindey traducira para a editorial Ir Indo a Historia do rei Kabul I e do pinche Galván (1903, en galego en 1999). Outros títulos de sona na súa bibliografía -compostea por poemas, novelas, relatos, pezas teatrais- foron San Matorel (1911), A coroa de Vulcano (1923), Visións Infernais (1924), O Gabinete negro (1928) ou Cinematoma. Fragmentos da memoria dos outros (1929).

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Nota: cuberta da edición galega de Filibuth ou o reloxo de ouro.

A literatura cubista de Max Jacob
comentarios