martes 22/09/20
Francisco Castro, escritor e editor

“A literatura é unha actividade política”

Iridium é a nova novela de Francisco Castro (Vigo, 1966). En apenas dez díaz esgotou a súa primeira edición. O escritor fai un alto no camiño de presentacións que o leva por toda Galiza para falarmos do proceso creativo, do seu labor á fronte de Galaxia e das fortalezas e necesidades do panorama literario galego. Eis un extracto da entrevista publicada no número 315 de Sermos Galiza.

[Imaxe: Judit Cendón] Francisco Castro
[Imaxe: Judit Cendón] Francisco Castro

2Nesta novela fala do dereito a vivir e a soñar das persoas con dano cerebral adquirido e da súa realidade que, xeralmente, non transcende á opinión pública. Con que obxectivo a escribe?

O obxectivo primeiro é escribir un bo libro, iso sempre, é dicir, o primeiro que lle pido, como editor, a calquera que me presenta un libro é que sexa un bo libro e o primeiro que me esixo a min como escritor é facer unha boa novela, independentemente de que despois, ademais, busque cousas. Creo que a literatura é unha actividade política. Non creo quen di que fai literatura como simple entretemento, aínda que a literatura tamén sexa entretemento. Adoptar esa posición de “eu fago literatura e non me comprometo con nada, non trato temas delicados e non me posiciono” é tamén unha maneira de facer política. Falo aquí de política no seu sentido máis grego, polis, cidadanía, e a min interésame moito, con este libro, transmitir a idea de que por riba das etiquetas hai persoas. As persoas con dano cerebral adquirido adoitan ser invisíbeis ou están colectivizadas. Esta é unha novela que fala dunha persoa que se comporta como unha persoa: namora, cabréase, decepciónase, ilusiónase… Fai todo o que fai calquera persoa e resulta que, ademais, ten dano cerebral. Por iso non é gratuíto que eu a converta nunha raíña de Instagram.

E por que esa rede social e non outra?

Porque é na que menos forza ten a palabra e onde todo é imaxe. Iridium é unha reflexión sobre como nos ven. Cando eu falaba con Andrea, a persoa que me axudou a compoñer a personaxe de Iris, e con bastantes persoas con dano cerebral, dicían que moitas veces, o que máis lles doía non eran as secuelas da súa enfermidade, senón as miradas que os outros deitaban sobre elas cando chegaban a algún sitio. E este é un dos elementos sobre os que a novela quere reflexionar. Como dicía Sartre, a mirada dos outros é o mal. Non importa moi ben que nos pase, senón como nos fan sentir os que miran cara a nós.

Estamos diante dunha novela que convida a reflexionar.

Gosto moito de escoitar isto porque é algo que me están formulando lectoras a través das redes sociais. O outro día dicíanme: “Cría que non tiña prexuízos sobre esa cuestión [o dano cerebral adquirido] e teño prexuízos; acabo de detectalos ao ler o teu libro”. Este libro ten moito de fábula, ten unha certa moralexa. Ademais da historia en si, insisto en que quero que a novela atrape, que non poidas parar de ler, quero que cando feches o libro te cuestiones certas cousas que hai na túa cabeza e, ao mellor, non sabías nin que estaban aí. Esta novela quere abordar a sexualidade e o amor na discapacidade que, en xeral, é un tema tabú.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 315, á venda na loxa e nos quiosques]

comentarios