Música

A lírica galego-portuguesa conecta sete formacións en 'Chegar a Galiza, chegar ao mundo'

O Camiño de Santiago aparece como punto de encontro nun proxecto creado especificamente para tecer pontes nestes momentos de restricións. Aproveitando diferentes localización vencelladas con el, con grande importancia do patrimonio, sete videoclips reúnen virtualmente formacións galegas e estranxeiras nunha proposta de Sirgo Torcendo que se presenta o 28 de novembro no Culturgal.
Detalle do cartaz de 'Chegar a Galicia, chegar ao mundo'.
photo_camera Detalle do cartaz de 'Chegar a Galiza, chegar ao mundo'.

Entre as múltiplas propostas que se darán cita a final de mes no Culturgal, o 28 de novembro coñeceremos polo miúdo Chegar a Galicia, chegar ao mundo, un proxecto de conexión en tempos de pandemia que une sete formacións galegas e estranxeiras no elo común da lírica galego-portuguesa.

Mediante unha serie de videoclips, de diferentes procedencias e estilos, estabelécese un lugar de encontro virtual ao longo dos Camiños de Santiago, "á espera do momento de continuarmos a facer música xuntas", explican desde Sirgo Torcendo deste proxecto ideado por Andrés Díaz e Belén Bermejo.

A idea fundamental é a de abrir correntes que fagan posíbel manter a conexión co mundo, a pesar das limitacións derivadas da pandemia. Ao tempo, procúrase "orientar futuros traballos e encontros musicais transfronteirizos".

O proxecto apela, para iso, a "algúns dos valores máis fondos que apuntalan o noso espírito de universalidade como pobo, apertura ao mundo, capacidade de adaptación, o noso patrimonio cultural, a nosa lingua e a nosa música".

Varias linguas

Desta maneira, as sete formacións fixeron cadansúa versión dunha Cantiga de Santa María do Rei Sabio (a "Cantiga 218") e de diferentes cantos de peregrinación en varias linguas como o galego, o francés, o alemán, o feroés ou o nissart -unha variante do occitano falado na Idade Media, desde a Toscana até o norte da Península.

As sete formacións fixeron cadansúa versión dunha Cantiga de Santa María do Rei Sabio (a "Cantiga 218") e de diferentes cantos de peregrinación en varias linguas como o galego, o francés, o alemán, o feroés ou o nissart

Entre as e os participantes atópanse DOUS (Fernando Abreu e Pablo Carrera), o Grupo de Música Antiga 1500 (Belén Bermejo e Andrés Díaz), A Pedreira (Ugia Pedreira), Clon Mela (da holandesa Antoinette Hermans e o francés Philippe Copin, veciños, desde hai anos, de Ponte Caldelas), o VIVID Consort de Viena, a catalana Arianna Savall canda o noruegés Petter Udland Johansen desde Suíza e o Ensemble Rosarum Flores do Tirol.

Os vídeos foron gravados en diferentes localizacións vencelladas cos Camiños de Santiago ao longo de Europa, cos espazos do patrimonio como un elemento esencial, logo dunha minuciosa escolla que tivo en conta tamén criterios de acústica.

As interpretacións tratan de transmitir a riqueza que agocha a lírica medieval, "susceptíbel de múltiples enfoques, sempre con respecto á esencia textual e melódica das pezas escollidas".

O proxecto conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Comentarios