mércores 23/09/20

Liorta política no Parlamento arredor da reforma da Agadic e do Centro Coreográfico

Olalla Rodil, do Bloque Nacionalista Galego, acusa a Román Rodríguez de "tomar como idiotas" ás deputadas.
A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Olalla Rodil, durante a súa intervención. (Foto: BNG)
A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Olalla Rodil, durante a súa intervención. (Foto: BNG)

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, defendeu a reforma do estatuto da  Axencia  Galega de Industrias  Culturais (Agadic) para "mellorar a ordenación da súa estrutura", e avanzou un próximo plan de impulso da danza que fará "de modo consensuado" co sector, a través dunha mesa que analizará a situación, as necesidades e retos de futuro das artes do movemento.

Así o trasladou o cargo autonómico nunha interpelación por parte do grupo do Bloque Nacionalista Galego (BNG), na que a deputada Olalla Rodil acusouno de encabezar "unha brigada de demolición da cultura" tras unha década "escura" marcada por un recorte orzamentario de 60%.

A parlamentaria nacionalista referiuse especialmente ao caso do Centro Coreográfico Galego (CCG), actualmente sen dirección e cuns 50.000 euros de orzamento, e reprochou á Xunta de executar "a súa desaparición de facto".

Rodríguez respondeu ironizando con que  Rodil interprete "cultura como orzamento", e defendeu a "saúde de ferro" do sector, con cifras "superiores ás do bipartito", que segundo el contou con "máis diñeiro", pero non con xente que acudise aos espectáculos. En concreto, destacou os preto de 6.000 actividades realizadas baixo as redes da Agadic, así como o millón de espectadores  conseguidos en cinco anos.

Defende a inclusión do CGAI na AGADIC

Román Rodríguez tamén insistiu na seu defensa do novo estatuto da Axencia Galega das Artes da Imaxe, unha reforma administrativa e técnica que permitirá "mellorar" o marco xurídico, a creación dun xerente "para evitar atrasos en pagos e xestión" coas compañías, algo "tremendamente demandado polo sector"; ou a inclusión do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) na propia estrutura da  Axencia.

O conselleiro, por outra banda, sinalou a creación dun departamento específico para fomento e apoio da danza galega, do que dependerá o Centro  Coreográfico  Galego, que seguirá destinado á profesionalización do sector e á produción de novos espectáculos de danza.

"Está absolutamente equivocada", insistiu o titular de Cultura, afondando no feito de que a Xunta "seguirá traballando nunha cultura como símbolo de identidade do pobo, respectando a liberdade dos creadores como fonte de riqueza e xeración de emprego" e que "nin debe estar dirixida politicamente" nin debe ser "patrimonio de ningunha formación".

Olalla  Rodil, con todo, reprochou a Rodríguez o "bochorno" de subirse á tribuna parlamentaria para "tomar como idiotas" ás deputadas, e que se o recorte orzamentario representa o amor do PP pola cultura, debería "abrazala menos".

A deputada exemplificou as súas críticas con declaracións da Asociación de Actores e Actrices da Galicia ou da Academia  Galega de Teatro, nas que ambas as dúas entidades arremetían tanto contra a perda de repercusión do Centro Dramático "ano tras ano" como contra a "opacidade, a falta de comunicación e o escurantismo da Xunta".

comentarios