Lino García Salgado: "Cando fuximos do pasado estamos a perverter o futuro"

"Ten perigo vérmonos tecendo abelorios / diante da tortura", cal kamikazes. Eis o título do último libro de poemas que Lino García Salgado vén de publicar en Medulia. Un canto contra a non-sociedade que devora o mundo de hoxe. Tamén unha homenaxe "a todas esas facetas apartadas da luz". 
O poeta Lino García Salgado vén de publicar 'Kamikazes', en Medulia. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O poeta Lino García Salgado vén de publicar 'Kamikazes', en Medulia. (Foto: Nós Diario).

Case 10 anos da publicación do seu último poemario, Melíflua Moradía, chega Kamikazes, que ve luz en Medulia. Unha agardada espera. 

Son nove anos de silencio. A publicación de Melíflua Moradía coincidiu co nacemento de Uxía, a miña segunda filla, e despois diso entrei nunha época de complicacións. Mais seguín escribindo, pouco a pouco, e con eses poemas que tiña, creados ao longo deste tempo, nace Kamikazes

Necesitaba sacar este libro, que é unha especie de recompilatorio deses poemas que presentaban o mesmo tipo de temática. 

"Kamikazes pretende render homenaxe a todas esas facetas apartadas da luz, mostrar un dinamismo oculto para facernos sentir útiles”, escribe na presentación.

Kamikazes é unha especie de homenaxe a toda esa xente que segue loitando, que loitou e que loitará. Mais non a eses que están en primeira liña nin en segunda liña, senón a todas esas loitas que son, en moitos casos, silenciosas, da xente que está a pé dereito, á súa maneira, porque cada loita é única e imprescindíbel. 

Non só importan os que están diante, senón tamén os que están detrás e incluso os que non se ven. Hai moita xente que está nesa tesitura e creo que merecían unha homenaxe, unha voz... 

Kamikazes móstrase dividido en catro libros. "Libro I. Trapos" arranca cun “nada hai libre nesta cidade”. Aquí están presentes o abandono, o suicidio (“utopicamente suicidas”, escribe), a penumbra... Desde o “nós”. É unha sociedade en decadencia, pasiva, onde “o tempo non nos é propio”.

Escribo sobre o que observo, unha percepción do que vexo día a día. Fálasme de sociedade, mais sigo dicindo que a sociedade non existe. Non existe ese concepto da sociedade como antigamente.

"Estamos, terribelmente, nun tempo moi individualista", afirma García Salgado

Antes a sociedade era a posta en conxunto duns valores, duns traballos ou dunhas riquezas... para axudarse uns a outros. Agora estamos, terribelmente, nun tempo moi individualista no que se existe o concepto de sociedade é única e exclusivamente en temporadas e para casos puntuais. Non percibo que ese concepto da sociedade se poida transmitir aos días de hoxe. 

Aquí abordo o abandono. Vémolo na propia estrutura das cidades, ou na estrutura da xente dentro das cidades, onde cada persoa vai ao seu aire... Non existe un nexo de unión. Hai moitas veces condutas que nos levan ao suicidio, nun sentido metafórico, á desconexión do resto, a cometer actos que non serían moi normais se realmente existise a sociedade en si.

"Trapos" porque, ao final, é o que somos, monicreques. Poucas opinións hai fundadas ou propias. Parece que somos altofalantes, que reproducimos sistematicamente o que nos están transmitindo ou metendo todos os días polos medios de comunicación.  

En "Fósforos e noces", do Libro II, semella que “tampouco hai descanso nas estrelas”, mais logo sae un raio de esperanza, un “Por veces / sentirse flor salvaxe / que ninguén esmagalla”. Entra aquí a rebeldía como salvación?

Si, claro, a rebeldía ten que existir. “Fósforos e noces” era o título orixinal do libro e, de feito, hai nel un poema dedicado á portada deste poemario, na que se ven dous barquiños de media noz que fixeron os meus fillos, Uxía e Roi. 

"Hai quen segue a ser "rebelde", quen ten unha visión propia dos seus pensamentos, quen se afasta de todo o que nos están vendendo"

Si hai un pouco de optimismo. Hai quen segue a ser "rebelde", quen ten unha visión propia dos seus pensamentos, quen se afasta de todo o que nos están vendendo e metendo como normalidade. É unha reivindicación, efectivamente. Intento que isto sexa tamén un pequeno halo de esperanza para todo o que estamos a vivir. 

Esa esperanza tamén se ve no "Libro III. A lingua e as costuras", onde aborda o proceso de escrita, talvez, para “salvar a utopía”.

É un libro no que aparecen outros factores, xente que se pode achegar a ti, que é necesaria para que ti poidas continuar con esta loita. É un acompañamento, como unha compañeira que está aí cando as cousas non saen ben. É a esperanza e o acompañamento desa esperanza. Porque necesitamos ambas as cousas, unha compañía, non só sentimental, senón ideolóxica, de obxectivos comúns... 

Compañía que se pode ligar co “pasado sen autopsia" que aparece na última parte, "Reversos".

Non é que se poida ligar, é que se debe ligar. Xa o dicimos moitos: do pasado hai que aprender, mais parece que non estamos aprendendo nada. Ás veces é cuestión de parar, ollar o pasado e explicalo ben. Ver que sucedeu, todas as problemáticas que se derivaron deses actos nos que nos vimos inmiscidos, e aprender. 

"Moitas veces queremos obvialo, borralo, escapar del... Mais cando fuximos do pasado estamos pervertendo o futuro"

O pasado serve non só para os actos históricos ou sociais, senón tamén para os propios, os persoais. Moitas veces queremos obvialo, borralo, escapar del... Mais cando fuximos do pasado estamos pervertendo o futuro. Non vai haber unha luz ou un camiño se realmente non nos serviu todo este tempo para aprender.

'Kamikazes': poemas contra a inercia

“Non hai derrotas / só transicións”. Con estas palabras remata Kamikazes, o último poemario de Lino García Salgado. Pasos dun estado a outro, dunha situación a outra, que nos lembran como todo é temporal, tamén a dor, porque "ás veces atopámonos metidos nesa sensación de fracaso, mais o que hoxe consideramos unha derrota mañá pode ser semente", augura o autor para Nós Diario. "Por iso creo que é necesario e imprescindíbel darlle unha volta e ver que temos futuro e que temos que traballalo". E engade: "se non sementas unha planta, non vai nacer, iso está claro". Así, érguese Kamikazes como un poemario "necesario nestes momentos" nos que semella "que imos á deriva". Nel "cada verso ten capacidade propia, un peso propio que conta por si só, co desexo de que "quen o lea atope algo de luz, de esperanza, de loita" porque o libro "ten unha parte moi reivindicativa". 
 

Comentarios