Entrevistamos Cuarto de Inverno

“Cremos que a idea pasa por darlle a volta ás cifras”

Cuarto de Inverno é o nome da nova editora que chega da man de Andrea Jamardo e David Cortizo, dúas persoas vencelladas o mundo do libro no pasado que decidiron apostar nun proxecto propio cunhas liñas moi claras. A empresa promete traballar desde o próximo, con especial atención ao libro e con óptica feminista.
Andrea Jamardo e David Cortizo, de Cuarto de Inverno, senten que a ilustración os representa máis que a fotografía (María Montes Sueiro)
photo_camera Andrea Jamardo e David Cortizo, de Cuarto de Inverno, senten que a ilustración os representa máis que a fotografía (María Montes Sueiro)

De onde xorde a idea de montar unha nova editora?
Xa traballamos xuntos nunha editorial anteriormente e ao cesar a nosa relación laboral nesta empresa, decidimos emprender o noso propio proxecto. Eramos conscientes de que o noso traballo estaba moi ben feito e pensabamos que merecía continuidade e podía ter retorno positivo, polo que decidimos pór en xogo os nosos propios cartos para crear unha iniciativa nova na que seguiramos coas liñas que estabamos levando.

Cales son esas liñas editoriais?

Se somos feministas, a editorial ten que selo tamén

Téñennos preguntado se iamos continuar sendo feministas. Evidentemente, iso non se nos vai esquecer, porque é como somos nós. Se somos feministas, a editorial ten que selo tamén. A xente iso non o concibe co racismo, pero co feminismo si. Eu son dunha forma de ser e vou editar un tipo de libros que teñan que ver con ela, pois somos nós as que poñemos os cartos, as ganas e a ilusión. Entón, a liña editorial parecerase moito a como somos Andrea e mais eu. A xente non nos coñece, porén, o noso catálogo vai acabar falando por nós. Como de momento aínda non hai moito, cos libros publicados até agora, xa se adianta que imos seguir unha liña moi pegada ao aspecto do libro. Non só ao que conta o libro, senón a como se conta, a como está vestido un libro, desde ese aspecto máis estético e externo. Todos eses elementos estarán vencellados cunha identidade moi clara, cunha forma de ser e de estar no mundo  feminista, antiracista e inclusiva. 

O noso catálogo vai acabar falando por nós

Penso que, como di, é patente coas dúas autoras que escolleron,  Tamara Andrés (Irmá Paxaro) e Antía Yáñez (Be Water).

Iso é outra cousa que destaca a forma de ser da editora, a escolla é bidireccional. Nós seleccionamos as nosas autoras, pero elas tamén se decantaron por nós porque lles demos o feedback de como ía ser o proxecto e preferiron esa forma de ser que nos caracteriza. Gostan de traballar nunha editora que ten eses principios. Igual que atendemos ao libro obxecto con coidado, facemos o mesmo coas autoras, coas que procuramos ter unha relación máis estreita e atenta á hora de modificar texto, de atender as súas demandas, de como ten que ser o libro e onde se ten que mover. 

Como ven o panorama do libro?

Nun mercado, por exemplo, onde hai un 3-4% de lectoras habituais en galego, tamén hai un 96-97% de potenciais clientes que non están captadas e que se poden captar

Eu creo que hai excesivo pesimismo en moitos ámbitos. O día 11 de decembro un editor publicou en Twitter uns datos do rexistro mercantil do que vendían distintas editoras. Xerais estaba en negativo nas vendas. Iso non é unha realidade tanxíbel. Está en negativo nos libros que vende en galego en concreto, pero pertence a un grupo máis grande, Anaya, que está en positivo e prefire ter unha editora aquí que malia ter algo en negativo xere un retorno cara a eles en positivo cun determinado tipo de libros. Fálase de que perdemos lectores, e é certo que hai unha perda de puntos de lectura e de venda, pero os que se manteñen son moi activos.

É verdade que hai bibliotecas nas que non se presta un só libro en meses. As cifras son negativas se as queres ver en negativo. Nun mercado, por exemplo, onde hai un 3-4% de lectoras habituais en galego, tamén hai un 96-97% de potenciais clientes que non están captadas e que se poden captar. Se houbese 99% coas necesidades cubertas, entras nun mercado moi complicado, mais nun no que case non hai uso, podes ser capaz de convencer ao lectorado, hai moita marxe para medrar. Porén, sempre tendemos a ver o vaso baleiro. E non, hai que enchelo. Esa é a nosa filosofía, igual nos pegamos unha hostia. Pero cremos que a idea pasa por darlle a volta ás cifras.

Aínda así, dá medo emprender?

Eu son temeroso por natureza, Andrea menos. Dá vertixe, porque xogas moitos cartos. A aposta é moi seria, pero moi confiada. Temos medo de facelo, pero estamos convencidas de que pode saír ben. Temos medo, pero do tipo que se vence.

Comentarios