Lídia Jorge, Escritora galega universal para a AELG

A AELG vén de escoller a escritora portuguesa Lídia Jorge como “Escritora galega universal”. Por segunda vez, despois do angolano Pepetela, a asociación escolle unha autora de escrita lusófona para outorgarlle o seu galardón. A “altísima calidade literaria e o insubornábel compromiso ético da autora” valéronlle o recoñecemento á narradora e autora de A Costa dos Murmúrios.
Lídia Jorge
photo_camera Lídia Jorge

Até o mes de maio do 2013 terá que agardar a escritora Lídia Jorge para recibir na Cea das letras o recoñecemento de camaradas da Galiza. Será entón cando a narradora portuguesa, un dos nomes máis indiscutidos do panorama literario luso, visitará Santiago de Compostela no encontro anual organizado pola Asociación de escritores e escritoras en lingua galega (AELG).

Destaca a asociación que Lidia Jorge é a escritora máis recoñecida das letras portuguesas, tanto no panorama da lusofonía como nas moitas linguas en que a súa prestixiosa obra foi traducida. A narradora é a terceira muller que recibe o galardón literario galego despois de Nancy Morejón e Elena Poniatowska e a segunda autora da lusofonía que entra no parnaso da escrita galega universal, unha vez o angolano Pepetela foi a segunda persoa destacada con este premio.

Arredor de quince libros máis ensaios e contos en distintas publicacións, fan de Lídia Jorge unhah escritora cunha ampla obra, galardoada con distintos recoñecementos ademais de aplaudida pola crítica e por lectores de diversas linguas que teñen oportunidade de se achegar a súa creación.

O seu romance A Costa dos Murmurios de 1988 levou seu nome a primeira liña da literatura portuguesa cunha história arredor da África colonial que despois sería levada ao cinema. O Romance do Grande Gatão (2010), Contrato Sentimental (2009), Praça de Londres (2008), O Grande Voo do Pardal (2007) Combateremos a Sombra (2007), O Belo Adormecido (2004), O Vento Assobiando Nas Gruas (2002) ou O Vale Da Paixão (1998) son algúns dos seus títulos. A Noite das Mulheres Cantoras é a máis recente das súas obras.

Comentarios