Mostras, unidades didácticas e un portal web para homenaxear Carvalho Calero

AGAL e Consellaría de Cultura anunciaron os proxectos divulgativos da figura, vida, obra e traxectoria de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado pola Real Academia Galega (RAG) con motivo do Día das Letras Galegas.
PGL
photo_camera PGL

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; o presidente da Associaçom Galega da Língua  (AGAL), Eduardo S. Maragoto; o responsábel de Ouvirmos, Xosé Aldea; e a directora do Portal Galego da Língua, Charo Lopes, deron a coñecer en rolda de prensa virtual os proxectos divulgativos da figura, vida, obra e traxectoria de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado pola Real Academia Galega (RAG) co gallo do Día das Letras Galegas.

Así, ao abeiro da colaboración entre o Goberno galego e AGAL ven a luz o portal Carvalho Calero 2020; o proxecto expositivo A voz presente (na súa versión dixital á espera de que as circunstancias motivadas pola COVID-19 permitan o arranque da itinerancia prevista en varios puntos da Galiza e Portugal); as unidades didácticas dirixidas ao ensino primario e secundario coordinadas por Teresa Crisanta V. Pilhado e Eduardo Maragoto e diagramadas por Uxio Outeiro; as guías de lectura de Scórpio elaboradas por Susana Sanches Arins e Teresa Crisanta V. Pilhado; así como diferentes tipos de materiais audiovisuais.

‘A voz presente’

Ademais dos materiais didácticos, escolares e divulgativos de Carvalho Calero implementados no Portal da Lingua Galega e na campaña #aculturasegue, no que se poden consultar en aberto a biografía e obra do autor, fotografías e traxectoria, a web da Consellería de Cultura e Turismo ofrece un avance dos contidos, en formato dixital, que configuran o proxecto expositivo A voz presente.

Comisariada polos profesores Carlos Quiroga e Xosé Luís Rodríguez e deseñada e producida por Ouvirmos S.L cos obxectivos de “difundir a dimensión artística, humana e lingüística de Ricardo Carvalho Calero e de poñer en valor e resituar a súa figura e o seu legado” a exposición iniciará (en canto o permitan as restricións provocadas pola pandemia do coronavirus) unha itinerancia baixo dobre formato nos concellos de Ferrol e Santiago de Compostela, así como en diferentes lugares da Rede de Dinamización Lingüística, bibliotecas nodais e o Museu do Traje de Viana do Castelo.

Tamén están dispoñibles na mesma web as unidades didácticas deseñadas pola AGAL coa finalidade de divulgar a figura de Carvalho Calero entre a comunidade educativa, en especial entre o profesorado de galego e de portugués de todos os niveis do ensino público non universitario.

Baixo os títulos Á descuberta de Carvalho Calero, de Bernardo Penabade; Carvalho Calero e a literatura e Carvalho Calero e a lingua, ambas as dúas de Marisa Moredo Leirado, e Carvalho Calero para o ensino primario, de Laura García Diaz, faise un percorrido pola vida e a obra do autor, cunha detallada cronobiografía e diversas tarefas que teñen como obxectivo salientar o seu papel como estudoso da literatura galega, docente e lingüista.

Carvalho Calero como exemplo de “unión”

Eduardo Maragoto explica que o seu obxectivo foi “abordar a figura de Carvalho Calero en toda a súa dimensión” e “unir a toda a sociedade, obviamente sen deixar de destacar o seu reintegracionismo, pero sen confrontar”. “Por iso nos abstemos de interpretalo desde posicións de parte actuais”, apostila o presidente da Agal.

Comentarios