Os libros saboréanse en Carballo

Do 5 ao 9 de maio, o Pazo da Cultura de Carballo ábrese para acoller a novena edición da Semana do Libro e a Lectura que ten como lema “Cociñando contos”. Máis de 2.500 nen@s achegaranse estes días aos libros e o goce de ler.

.
photo_camera .

A iniciativa que naceu hai nove anos para achegar ás crianzas os libros e o goce da lectura chega do 5 ao 9 de maio organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e o Concello de Carballo, coa colaboración da Fundación Luís Calvo Sanz.

Máis de 2.500 nenas e nenos asistirán no Pazo da Cultura ao programa de obradoiros que, durante as mañás, están orientados ao alumnado de Infantil e Primaria ademais das actividades máis lúdicas das tardes que están abertas ao público infantil. “Cociñando contos” é o lema desta nova edición e tamén o tema sobre o que o alumnado de Carballo desenvolverá distintos materiais dunha mostra especialmente visitada nun programa que incorpora tamén unha mostra de libros das distintas editoriais e unha exposición da AGPI titulada “A que sabe este libro?”.

Peter Punk e do alumnado do CEIP Xesús San Luís Romero e do Colexio Artai serán os encargados de pechar unha semana na que os libros son os protagonistas nun amplo abano de actividades de balde co fin de que, desde curta idade, se familiaricen, segundo Carme Vilariño, responsábel da AS-PG, "cun instrumento básico para achegarnos a calquera área do coñecemento".

Portas abertas aos libros

A maxia de Martín Camiña, contacontos, teatro con Elefante Elegante ou Boabab, banda deseñada, ilustración, música e obradoiros de arte, coa colaboración do artista de Carballo Mon Lendoiro, formarán parte da programación de mañá dedicada aos centros de ensino.

Nas tardes, o Pazo da Cultura abre as súas portas ao público familiar  todos os días ás 18.30 horas e de novo a maxia, os contos da man desta volta de TrinkeTrinke e o humor de Peter Punk completarán unha proposta que durante nove anos tivo como obxectivo principal servir de encontro das crianzas co mundo dos libros e a literatura. 

As exposicións, abertas en horario de mañá e tarde, mostrarán a parte plástica do evento que se completará coa ambientación dos espazos do Pazo da Cultura que corre a cargo de Lidia Cambón e Andrés Andrade, artistas de Carballo e estudantes da Escola Pablo Picasso da Coruña. 

"A través da lectura todos podemos imaxinar viaxes extraordinarios e sociedades marabillosas", sinalou o alcalde de Carballo na presentación da nova edición da Semana do Libro e a Lectura, unha iniciativa que situou nun lugar destacado da programación cultural e educativa do concello, unha proposta viva, lúdica e didáctica que foi recibida con grande entusiasmo pola poboación infantil e familiar desde os seus inicios, hai xa nove anos.

Comentarios