Análise

Libros para o verán

É difícil rastrear en que momento a estacionalidade do verán foi asociada ao consumo de libros, aínda que seguro que foi unha ligazón preexistente que adoptou novas formas ao longo do século XIX.
Unha muller lendo. (Foto: Naned Stojkovic. CC BY 2.0)
photo_camera Unha muller lendo. (Foto: Naned Stojkovic. CC BY 2.0)

A aparición do turismo contemporáneo, as novas facilidades para o transporte e a consolidación da burguesía como clase dominante construíron entón unha idea nova do verán que, en certo sentido, aínda persiste. Os meses de calor aparecen como datas especiais nas que evadirse a algún lugar tranquilo e gozar do repouso, unha nova forma de ocio na que de certo recuncou unha das actividades de lecer máis practicadas tamén no resto do ano.

Libros e verán construíron unha relación sólida desde entón, aínda que non hai nada intrínseco nesta época, alén do eventual aumento de horas libres e tempos mortos, que os faga coexistir tan intimamente. No fondo, ler na praia é como ir ao cine ao aire libre, unha forma levemente diferente de seguir facendo o mesmo que facemos o resto do ano. Porén, é frecuente que este consumo se fixe intenso no noso recordo: nunca esqueceremos os filmes que vimos nas prazas das cidades cando a xornada abafante comezaba a refrescar, e tampouco os libros que rematamos nas praias ou nas habitacións dun hotel co corpo aínda mallado polo sol.

Veleno literario

A profesora Donna Harrington-Lueker, unha das poucas autoras que ten dedicado estudos específicos á lectura do verán, percibe alusións ao hábito moito antes de que aparecesen as primeiras listas de libros estivais en xornais e revistas. Xa a mediados do século XIX, cregos e reverendos alertaban do pernicioso hábito que se estendía nos meses de xullo e agosto e que afectaba sobre todo ás mozas e mulleres.

Segundo un destes preclaros relixiosos, eses meses acumulaban máis lecturas de "veleno literario" que os outros dez xuntos. Era unha tendencia que ía acorde tamén a esa nova configuración social: o ocio das mulleres, a quen se lles esixía unha pasividade que limitaba as súas posíbeis actividades, recalaba con maior facilidade nun hábito como a lectura.

A "novela de verán" foise convertendo nunha sorte de subxénero, cunha serie de características ben definidas

Porén, esa inclinación por ler acostumaba servir tamén como punto de fuga a vidas anódinas e atadas ao convencional. Historias de romance e alusións á sexualidade, coa ruptura das normas sociais de fondo, enchían os soños de lectoras (e lectores) que non sempre tiñan a oportunidade de vivir algo semellante. A estación, propicia ao encontro casual, á excepcionalidade fronte á rutina do resto do ano e ao relaxamento das normas, axudaba tamén a iso.

Moi axiña a "novela de verán" foise convertendo nunha sorte de subxénero, cunha serie de características ben definidas, entre as que destacaban as formas de ocio desa sociedade burguesa (praias, balnearios, resorts, cruceiros...). Tamén foi importante para a consolidación da carreira de moitas autoras da época, desprazadas do centro da vida cultural polo seu xénero e que atopaban nestas novelas de temporada unha oportunidade para publicar e darse a coñecer.

Listas estivais

As recomendacións de libros para o verán convertéronse axiña nunha constante xornalística e unha preocupación tamén dalgunhas bibliotecas, que lanzan nestas datas campañas específicas. Editoras de medio mundo preparan xuño como un mes especial, con lanzamentos concretos para distribuír neses meses. Algo que, no contexto editorial galego, como tantas outras cousas, non pareceu nunca callar especialmente.

Pero que le a xente no verán? É unha pregunta que nos facemos moitas veces as persoas que temos que redactar algunha destas recomendacións. A resposta é doada: calquera cousa, moitas veces aquelas que non dá tempo a ler o resto do ano. Novelas breves, pero tamén longas e complexas, biografías, poesía, banda deseñada, filosofía...

No verán de 2006 unha amiga comezou a ler a triloxía Millenium de Stieg Larsson porque non paraba de ver rapazas cos seus libros na praia e parecíalle que era unha boa forma de sacar unha conversa que derivase noutra cousa. Libros e calor, aliados sempre en romper as convencións sociais.

Comentarios