Este domingo na Coruña

Libros a Monte, un espazo onde ser e lembrar

A plataforma de crítica literaria feminista A Sega organiza este domingo na Fundación Seoane da Coruña unha xornada gratuíta para todos os públicos.

librosamonte
photo_camera Detalle do cartaz de Libros a monte 2018

Após o éxito da primeira edición, en agosto do pasado ano, a equipa de A Sega volve pór en marcha unha xornada de ‘Libros a Monte’, que terá lugar este domingo na cidade herculina. Alén de colocar o foco nas mulleres creadoras e estimular a cultura do libro, LAM tamén pretende recuperar e render homenaxe á memoria de figuras feministas coruñesas como María Casares, Chelo Rodríguez ou La Corales.

Por este motivo, o monográfico dará inicio ás 11.30 horas na fundación Seoane cun roteiro virtual polas casas de acollida anarquistas do bairro coruñés das Atochas. Guiado pola escritora Beatriz Maceda Abeleira, o público poderá ser testemuña dos espazos que habitaron aquelas mulleres que loitaron contra o franquismo. Posteriormente, a directora Rosario Sarmiento apresentará o seu documentario “ARTE+MULLER+GALICIA”, agraciado co Premio Luisa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade da Deputación da Coruña.

En colaboración coa asociación cultural Alexandre Bóveda, a ilusionista Fani Triana ofrecerá un espectáculo de maxia que dará paso, ás 13 horas, á presentación e recital “O único lugar onde ficar inmóbil”, da poeta Arancha Nogueira, presentado por Verónica Martínez. A continuación deste petisco literario, o público poderá marchar xantar con bo sabor de boca coa apresentación de ‘Mulleres bravas da nosa historia’, colección editada por Urco e na que intervirán David Cortizo e María Reimóndez.

Xa en horario de tarde, Pablo Ces e Aurora Marco amosarán o seu documentario ‘As Silenciadas’, que rescata a memoria das mulleres que resistiron o franquismo. Logo desta mostra audiovisual será o turno de Susana S. Aríns, quen ás 17 horas falará sobre o seu poemario ‘Seique’, de Através Editora. Pecharán a xornada un obradoiro poético de Lorena Conde, un recital de libre participación e o concerto de Su Garrido Pombo.

Actividades para crianzas


Ademais, as persoas miúdas tamén terán espazo neste evento, que contará coa súa propia programación infantil. Así, as crianzas poderán gozar a partir das 12 horas coa contacontos ‘Xandra a landra que quería voar’ e ‘Pan e Chocolate’ –con Saleta Fernández, de Culturactiva–.

Á tarde, as actividades continuarán a partires das 16 horas cun obradoiro poético visual a cargo de Antía Marante e Paula Gómez del Valle, quen tamén se encarga dunha exposición fotográfica. Lía Santiso narrará contos para crianzas libres, e Andrea Barreira conducirá o obradoiro ‘Onde están as libertarias?’. Por último, Maruxa Blanco –ONG Viraventos– relatará ‘Mundo de cores’ e a escritora burelense Antía Yáñez impartirá un obradoiro literario.

Comentarios