Libros que falan de libros

A metaliteratura é cada vez máis un terreo ao que se achegan as persoas que adoran os libros para reflexionar sobre eles. No medio desta pandemia, ademais, semella que os libros, as bibliotecas e as librarías se converten en espazos de calma e de reivindicación, sobre todo cando se demostra que a cultura é máis necesaria que nunca. Co gallo do 13 de novembro, Día das Librarías, lembramos algúns títulos de "libros que falan de libros".
Imaxe da reportaxe que sae publicada no semanario Sermos. Nós Diario
photo_camera Imaxe da reportaxe que sae publicada no semanario Sermos. (Foto: Nós Diario)

Inmersas no medio dunha situación case surrealista, a pandemia provocada pola Covid-19 levounos a desexar liberar a mente e, de feito, moitas especialistas advirten da necesidade de desconectar a cabeza co fin de non padecer trastornos psicolóxicos. Diante disto, e co Día das Librarías ás nosas portas, os libros que falan de libros (ou a metaliteratura) eríxense como eses mecanismos de defensa, esas barreiras necesarias coas que facer fronte á psicose colectiva e individual. Alén diso, e para as persoas que adoran ler, os libros que reflexionan sobre o mesmo acto da lectura ou aqueloutros que nos levan a lugares máxicos como as bibliotecas ou as librarías, poden ser unha boa terapia. 

Estas obras metaliterarias poden entenderse como homenaxes a eses lugares de resistencia nos que a cultura sobrevive nun mundo cada vez máis globalizado e de expansión de pantallas dixitais. Os libros sobre libros propoñen unha viaxe interior curativa, e mesmo se fala actualmente dunha tendencia chamada feel-good, que reivindica a necesidade de historias que nos fagan sentir ben, como o mesmo termo inglés expresa.

Realizando un percorrido pola nosa literatura e indagando nos estantes das principais editoras do país, recomendamos novelas, ensaios e relatos que teñen o libro e todo o que o rodea como tema principal.

Novelas para soñar

Quizais o mellor agasallo que lle poderiamos realizar a un libreiro ou libreira sería mercar os libros nas librarías de barrio. Sobre esta idea sostense o argumento de O último día de Terranova (Xerais, 2015), unha historia na que o grande escritor galego Manuel Rivas rende homenaxe a esas librarías que resisten e que continúan librando unha batalla contra o xigante Amazon que non saberemos aínda como ha rematar. 

Na libraría de Terranova hai libros, moitos, pero tamén hai historias que ateigan as vidas dos familiares e antepasados de Vicenzo: o tío Eliseo, o xornalista Cecilio, os seus pais Comba e Amaro, a enigmática rapaza arxentina Garúa, de modo que temos un espazo máxico, no que tamén está presente a pantasma da guerra civil e do que significou este momento para os libros. Ao igual que en Os libros arden mal e en O lapis do carpinteiro, as verbas saben a clandestinidade e os libros teñen ese cartaz de prohibido, como a liberdade neses anos escuros.

A prosa envolvente desta obra fainos ver Terranova como calquera dos lugares nos que a diario desaparece unha libraría, e con ela quedan soterrados os miles de soños, vivencias, cafés e libros que compartiron as persoas que por ela pasaron e a crearon como un fogar, ese fogar no que pensamos cando o mundo é demasiado complexo para o noso entendemento. 

Rinoceronte Editora, radicada en Cangas do Morrazo, é un dos proxectos editoriais máis interesantes do país, pois conta con diversas coleccións a través das que traen ao galego clásicos contemporáneos e outros máis antigos. No ano 2007 sorprendéronnos cun libro moi breve pero ateigado de humor e de amor pola lectura: Unha lectura fóra do común, de Alan Bennet. Nela, o autor traza os inicios na lectura dunha raíña que se atopa por casualidade co furgón dunha biblioteca móbil diante do Concello de Westminster. Ela, que nunca antes se caracterizara por ser unha lectora asidua, comeza a coller libros por casualidade, até se converter nunha lectora habitual. 

Aquí tes un pequeno adianto da reportaxe que poderás ler a partir de mañá no semanario Sermos, que atoparás xunto co Nós Diario nas librarías, quiosques, gasolineiras e na nosa loxa online. Gozarás con contidos amplos, variados e de interese como a entrevista a Anselmo López Carreira. Se non queres perder tempo de lectura buscando un quiosque, recibe o pack na túa casa! Hai varias modalidades para facer a subscrición.

Comentarios