Os libros da tempada que xa está aquí

Apostas editoriais para 2020
libros
photo_camera Libros. Foto: cedida.

Algúns dos nomes de maior suceso comercial da literatura galega -sempre nas magnitudes da literatura galega- publicarán novidade este ano que agora comeza. A eles remiten as perspectivas das editoras principais do sistema, ao tempo que abren algún rego novo nas súas coleccións. As menores, cadora máis activas, exploran xéneros menos transitados, volumes menos usuais. E a tradución, malia certos atrancos administrativos, segue a ofrecer petiscos de literaturas varias do mundo, maiormente clásicos pero non só. Velaquí un repaso aos títulos centrais para 2020 logo de consultadas unha decena de editoriais.

Hai dous anos O exército de fume, novela de aventuras coa II Guerra Mundial na Galiza como fondo, foi éxito de vendas e audiencia. O seu autor, Manuel Gago (Ribeira, 1976), recunca esta tempada con Nus, en Xerais, para continuar o seu proxecto de narrativa popular. Inma López Silva (Compostela, 1978) con O libro da filla, e Francisco Castro (Vigo, 1966) con Tantos anos de silencio figuran entre as apostas de Galaxia, a editora que dirixe o propio Castro.

Tamén en Galaxia verán luz dous premios, o Torrente Ballester de Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) -O paraíso dos inocentes- e o Blanco Amor, que suporá o regreso ás librarías de Xesús Fraga (Londres, 1971) con Virtudes (e misterios), 16 anos despois da fermosa novela de iniciación Solimán, o seu anterior libro.

Talvez o máis rechamante título poético que aí vén sexa a poesía reunida de Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) que publicará Xerais ao coidado do propio autor. En Alvarellos debutarán Xabier Ron e Irene Tomé cos fotopoemas de O exilio que somos e en Faktoría K haberá novo libro de Martín Veiga (Noia, 1975). Entre as especializadas, Apiario segue fieá súa estratexia de non desvelar os títulos e Chan da Pólvora anuncia obras de Paula Luís ou Constantino Bértolo

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios