Contracultura

Carlos Barros (SCD do Condado): "Este libro é posíbel grazas ás entrevistas con 40 persoas que fixeron parte do Festival da Poesía"

Carlos Barros González, xornalista e membro da Sociedade Cultural e Deportiva do Condado, é un dos encargados de elaborar o libro que conmemora os 50 anos desta asociación a través de entrevistas coas persoas fundadoras e material gráfico e de hemeroteca.
O xornalista Carlos Barros González (Foto: Charo Lopes).
photo_camera O xornalista Carlos Barros González. (Foto: Charo Lopes)

—Como chegou a involucrarse neste proxecto?
Polas miñas ideas e inquedanzas tiña coñecemento da existencia da Sociedade Cultural e Deportiva do Condado (SCD). Con todo, eu son de Mondariz e a maior parte da xente da Sociedade era de Salvaterra, polo que non tiven un contacto directo con ela até a homenaxe a Suso Vaamonde en 1999. A partir do ano 2001 integreime no equipo humano que recuperou o Festival da Poesía e, como xornalista, cando se decidiu facer esta conmemoración dos 50 anos acabei tamén involucrado.

A idea deste libro partiu un pouco dos nosos fundadores, que nos lembraron acertadamente que se cumpría este aniversario, polo que vimos necesario e interesante aproveitar esa efeméride para saldar unha débeda que tiñamos coas persoas que nos trouxeron até aquí. Falo dunha débeda porque foi un traballo demasiado importante como para que non estea recollido nun soporte que permita que as novas xeracións coñezan o que se fixo en Salvaterra e no Condado. Así, o principal obxectivo é poñelo en valor para que poidamos estar orgullosas e orgullosos do legado que recibimos, e que este poida ser recoñecido.

—En que consistiu o proceso de recollida de información?
Decidimos facer este traballo en xaneiro, polo que tivemos o reto que impoñen os prazos, pois confiamos en poder presentalo o 25 de xullo. Nestes momentos temos aberta unha campaña de micromecenado en Goteo —que onte chegou ao seu ecuador— para poder publicar unha edición ambiciosa, polo que animamos a quen queira e poida colaborar que nos apoie. Como dicía, desde xaneiro marcamos uns obxectivos e comezamos a recoller a nosa propia experiencia como activistas da Sociedade, así como a dos nosos fundadores vivos. Tamén houbo un traballo de recollida de documentación interna —actas, memorias, carteis, folletos— e material fotográfico.

O libro é posíbel grazas ás entrevistas con 40 persoas representativas das diferentes etapas do festival e frontes que tivo e ten a SCD e tamén grazas a un intenso traballo de documentación en máis de 300 páxinas de hemeroteca.

—Como se estrutura tanta información?
Foi un dos desafíos. Destes 50 anos o libro céntrase máis nos 30 primeiros, xa que nos tiña máis sentido á hora de recuperar esa memoria, entendendo que a partir dos 2000 xa entramos nunha fase contemporánea. O libro comeza explicando como se creou o equipo de fútbol SCD Condado, que naceu como unha escisión da SD Salvaterra, que discriminaba os xogadores locais. O feito de pór o ‘cultural’ diante é moi significativo porque se entende que tamén hai unha misión que cumprir aí. De feito, o fútbol pasa de ser un fin a converterse nun medio de financiamento para as actividades culturais que se ofrecen. 

O segundo apartado, que vai desde a fundación até 1981, está dividido en dous bloques. Por unha parte, facemos unha crónica histórica da potente actividade cultural desenvolvida, xa que a SCD entendía que tiña que espallar a cultura pola comarca, chegando até a última aldea ou recuncho, o que implicou unha auténtica revolución mental no sur do Condado. No outro bloque, relatamos a traxectoria da SCD en alianza coas loitas populares e sociais da comarca. Aquí podemos explicar iniciativas como a promoción do lanzamento dun xornal clandestino, A Voz do Condado, que chegou a vender 3.000 exemplares de cada un dos números e tivo unha grande incidencia informativa, especialmente na loita contra o Plan de Ordenación do Condado. Logo relatamos a historia do Festival da Poesía desde o seu nacemento até os nosos días, lembrando tamén a homenaxe a Suso Vaamonde antes do seu falecemento e realizando unha panorámica sobre a SCD de hoxe.

O libro conta tamén con textos de Marga do Val, Manuel Rivas, Margarita Ledo, José Viale Moutinho, Ricardo Gurriarán ou Xurxo Souto, así como unha escolma de 50 poemas da historia do festival.

Comentarios