xoves 03/12/20
Cultura

Un libro pon en valor a figura de María Elvira Fernández López

Preséntase 17 de xuño na sede da Fundación Seoane
Retrato de Maruxa Seoane.
Retrato de Maruxa Seoane.

En decembro de 2018, a Fundación Luis Seoane inauguraba a exposición Maruxa Seoane. Achegamento a Mª Elvira Fernández López, un proxecto comisariado polo artista e docente Juan Martínez de la Colina co que se lle rendía homenaxe a esta figura. Nada na Coruña en 1912, foi colaboradora nalgunhas das principais iniciativas da cultura galega no exilio, como o Laboratorio de Formas de Galicia, a editorial Citania, o programa radiofónico Galicia Emigrante ou Sargadelos. Organizou múltiples exposicións quer na Galiza quer en Bos Aires e noutros países.

Compañeira de Luis Seoane ao longo do seu periplo vital, tras o falecemento do artista en 1979, acometeu o inxente labor de reunir, conservar e difundir a memoria artística e intelectual do que fora o seu marido, unha tarefa que culminaría coa creación, en 1996, da Fundación Luis Seoane.

Após o seu paso por esta entidade, a mostra que conmemora a súa figura viaxaría á Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo. Proximamente trasladarase á Fundación Eugenio Granell en Santiago de Compostela, a partir de onde seguirá o seu percorrido.

Chega o libro

Agora, o proxecto expositivo amplíase cunha publicación que presenta hoxe o seu autor, o mesmo comisario da mostra, Juan Martínez de la Colina, no patio da Fundación Luis Seoane (A Coruña), na que será a primeira actividade aberta ao público da institución tras o período de confinamento. O acto será tamén retransmitido en directo por streaming a través de Facebook Live, a partir das 20 horas.

Xunto ao autor intervirán a historiadora María Antonia Pérez e a directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira. A capacidade do lugar estará limitada a 40 persoas, e para asistir é preciso realizar unha reserva previa por teléfono ou por vía de correo electrónico.

Tamén outras mulleres

O volume afonda nos aspectos biográficos e no significado da figura de Maruxa Seoane apoiado nunha coidada selección de fotografías e de distintas seccións que recollen, ademais de diferentes aspectos da exposición e da película Maruxa que a acompañaba –e que hoxe ten vida propia–, a transcrición das receitas de cociña publicadas na revista Galicia Emigrante entre 1954 e 1959. O libro péchase cunha sección coa que o seu autor réndelle homenaxe a 41 mulleres destacadas que, dun xeito ou doutro, tiveron relación con Maruxa Seoane.

comentarios