O libro que lle salva a cara a Filgueira

Non é o máis habitual que o presidente da Real Academia Galega acompañe cunha obra da súa autoría a celebración do Días das Letras, e moito menos que o faga cun monográfico ambicioso coma este. Por desgraza, tamén a polémica que acompaña a designación deste ano é, en boa medida, inédita nas nosas letras.

(RAG)
photo_camera academia

Non é o máis habitual que o presidente da Real Academia Galega acompañe cunha obra da súa autoría a celebración do Días das Letras, e moito menos que o faga cun monográfico ambicioso coma este. Por desgraza, tamén a polémica que acompaña a designación deste ano é, en boa medida, inédita nas nosas letras. A escolla de Filgueira Valverde, un colaboracionista que gozou dos beneficios de integrarse nas estruturas de poder franquistas, levantou as iras dunha parte importante da sociedade que insiste en cuestionar o atinado da decisión.

"A escolla de Filgueira Valverde, un colaboracionista que gozou dos beneficios de integrarse nas estruturas de poder franquistas, levantou as iras dunha parte importante da sociedade que insiste en cuestionar o atinado da decisión".

Nese contexto, o máis honesto para Alonso Montero sería tratar de ofrecer un traballo obxectivo, que apuntalase o interese que unha figura como Filgueira ten para os estudosos da literatura galega e permitindo, con eses datos, un debate aberto na sociedade. Porén, esa vertente só parece cumprirse parcialmente nesta “Biografía intelectual”, de forma que podemos dicir que a súa honestidade intelectual se ve moi axiña comprometida. O autor non comeza mal, abre o libro cunha cronoloxía da vida de Filgueira na que non se ocultan datos relativos á súa participación nas depuracións de posguerra, nin as mencións aos cargos políticos que tivo durante a ditadura. Continúa cunha “Primeira parte” que atinxe á preguerra, entre 1906 e 1936 imos ver desfilar polas páxinas da biografía o que sen dúbida foi o Filgueira máis salvábel, o estudoso brillante, o impulsor do Seminario de Estudos Galegos, o antólogo de poesía galega contemporánea, o militante do Partido Galeguista. Tamén o católico furibundo que protagoniza a ruptura de Dereita Galeguista, incapaz de aceptar a alianza do Partido Galeguista coa Frente Popular.

Porén, non tardaremos en decatarnos de que Alonso Montero é parte interesada dun xuízo moral ao autor homenaxeado. Un xuízo moral que nos asalta na segunda parte do libro, unhas sesenta páxinas adicadas por completo ao ano 1936. Cabía agardar que tal volume abordase os tétricos sucesos relacionados coa matanza franquista, os exilios forzados e a reestruturación que a sociedade galega viviu nese tempo. Tamén agardaríamos saber sobre o xuízo de Bóveda, polo que Filgueira se negou a interceder. Porén é outra intención de Alonso Montero, que recicla material dalgún libro antigo para dedicarse a sinalar a actitude supostamente profranquista doutros autores homenaxeados pola Academia. Así, e sen saber moi ben por que pirueta da lóxica, parece que o colaboracionismo activo de Filgueira pode desculparse polas polémicas opinións de Álvaro Cunqueiro, o regreso á terra de Ramón Cabanillas, ou cadanseu poema profranquista que Celso Emilio e Díaz Castro escribirían nas trincheiras, cunha liberdade e intención discutíbeis. Segue a isto a defensa da escolla da Academia, na que Filgueira sería unha mostra da pluralidade dunha festa que acolleu sen polémica coñecida destacados seguidores do “outro bando”.

"O empeño en salvar intelectual e moralmente a Filgueira Valverde a toda costa é inseparábel do intento de xustificar a decisión da Academia que preside, unha institución incapaz de aceptar un debate que a contradiga" 

Se por unha parte a argumentación é falaz, tamén a presentación é interesada. Ningún dos mencionados polo presidente da Academia gozou dos beneficios sociais e económicos dos que gozou Filgueira, nin se integrou tan a fondo no bando vencedor (depurador, xuíz, director de diversas institucións e alcalde de Pontevedra). En canto á equiparación moral entre alzados e republicanos, resulta tan ideoloxicamente perversa que non merece maior comentario.

Salvando ese prescindíbel intermedio moral, o libro continua. Volve falar do 36 e recupera o ton do comezo, ocupándose do percurso vital de Filgueira entre 1936 e 1996, ano do seu pasamento. Os datos fornecidos por Alonso Montero son tan interesantes para as persoas estudosas, como seguramente soporíferos para o lector común, que mesmo así pode vir saber que o autor apoiou tímidas prerrogativas en favor da lingua, que promoveu a editora Bibliófilos Gallegos ou que impulsou a creación do Instituto Padre Sarmiento.

O grave non é que Alonso Montero ofreza unha biografía dun autor coma este, o grave é a incapacidade para entender a situación e facer un traballo rigoroso e obxectivo. O empeño en salvar intelectual e moralmente a Filgueira Valverde a toda costa é inseparábel do intento de xustificar a decisión da Academia que preside, unha institución incapaz de aceptar un debate que a contradiga e tamén de entender que é no debate onde medran culturalmente os pobos.

 

Ficha Técnica:

Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual
Xesús Alonso Montero
Xerais, 2015, 296 páxinas, 18 euros

 

Este texto viu a luz esta quinta feira 14 de maio na sección de críticas de Sermos Galiza, no número 144, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa

Comentarios