Un libro lembra a obra da pintora Berta Cáccamo

Inclúe 40 cadros e textos de Álvarez Cáccamo, Bernárdez e De Nieves
photo_camera Detalle da cuberta do libro 'Enteiramente pintado' sobre a obra de Berta Cáccamo. Imaxe: cedida.

A primeira exposición da pintura de Berta Cáccamo despois da súa inesperada morte en 2018 ten unha primeira consecuencia tanxíbel: o libro Enteiramente pintado: rexistro dun percorrido vital (Chan da Pólvora, 2020). A obra é "a concreción da exposición que organizou a propia familia da artista para expor o seu legado". A mostra puido visitarse no Pazo Torrado de Cambados entre o 27 de setembro e o 3 de novembro do pasado ano.

En Enteiramente pintado escriben Juan de Nieves (A Coruña, 1964), comisario da exposición; o crítico e ensaísta Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) -unha intepretación analítica da obra-, e o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, irmán da pintora -sobre a orixe do legado que conformou a mostra. A maiores, o volume reproduce as 40 pezas de Berta Cáccamo (Vigo, 1963-2018) que fan parte do mencionado legado.

O libro presentarase hoxe, 6 de febreiro, na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Participarán os tres autores. Xosé María Álvarez Cáccamo lerá ademais o seu poema Berta, unha elexía estremecida escrita á morte da irmá, e publicado tamén por Chan da Pólvora.
A de Berta Cáccamo foi unha das pinturas máis persoais da arte galega contemporánea. De tendencia á abstracción, empregaba materiais diversos. Considerábaos tan importantes como o propio trazo. "Foi unha artista dunha inusual intuición pictórica", explicaba o comisario de Enteiramente pintado na inuaguración da exposición de Cambados.

O legado da artista

O legado de Berta Cáccamo é o espazo que a familia da pintora habilitou para abeirar a obra e documentación que a artista gardaba no seu estudio de Coruxo. Agora atópase depositado en Vilaboa. A custodia do mesmo corre a cargo do seu irmán Xosé María, de De Nieves e máis de López Bernárdez. 

Berta Cáccamo estudara en Catalunya. Comezou a expor o seu traballo en 1986, vinculada ao grupo Atlántica. En 2017, un ano antes da súa morte, recibiu o premio Cultura Galega das Artes Plásticas, outorgado pola Xunta. "A súa obra parece ter unha vontade fóra, máis alá do propio xesto", consideraba Juan de Nieves na apertura da mostra de Cambados.

Comentarios