“Que libro gostariamos ler?, preguntámonos. Un de Carlos Calvo. E así naceu 'Diários'”

A editorial Através publica 'Diários', obra con textos e debuxos do xornalista e preso independentista Carlos Calvo Varela. Falamos con Valentim Fagim, director de Através e coordenador dun libro que a mediados de novembro chegará ás librarías.

diarios-carlos calvo

Carlos Calvo (Loureda-Ordes, 1988) foi detido o 15 de setembro de 2012 en Vigo acusado de “terrorismo” e desde entón está preso. Pasou xa por sete cadeas españolas, un periplo que non foi quen de impedir que seguirse a escribir e a debuxar. A mediados de novembro chegará ás librarías do país 'Diários', un libro editado por Através editora e que reúne deseños e escritos deste preso independentista, algúns xa publicados nos medios nos que Carlos Calvo colabora, e outros inéditos, que ven luz por vez primeira. Conversamos con Valentim R. Fagim, director de Através e coordenador do libro.

- Publicar un libro escrito por unha persoa na prisión debe dar para escribir outro libro, non é? Como naceu isto e como foi o proceso?

- A idea naceu cando na editorial nos preguntamos que libro gostariamos de ver escrito. E respondemos: un de Carlos Calvo. Falamos coa súa compañeira, Rosabel. E pouco a pouco foi collendo forma. El non ten computador na prisión, así que os textos ás veces viñan por cartas a través dela e outros sospeitamos (ir) que o propio Carlos llos ditaba por teléfone a ela. A compañeira tomaba nota e despois transcribíaos para nós. Todo o proceso puido durar máis ou menos un ano e a 'produción' dos textos creo que ía da man do seu estado de ánimo, algo lóxio nunha prisión. Cando estaba ben de ánimo, escribía máis e cando estaba baixo, menos. Mais iso é o que eu penso. No libro non só hai textos, tamén hai 20 deseños do propio Carlos.

- Que podemos atopar en 'Diários' desde un punto de vista estritamente literario ou ensaístico? Pregunto porque pode darse que se analice como un libro dun preso independentista e que iso o engula todo, sen marxe para valorar esta obra en si propia.

- Carlos Calvo é unha especie de Leonardo da Vinci. Dígoo no sentido non de comparar, claro, (ri) senón de dúas persoas que saben moito de moitas cousas diferentes. Carlos é quen de falar de moitas cousas diferentes e con capacidade de conectar e transmitir en todas elas, e iso non é nada doado. En 'Diários' hai textos inéditos e outros xa publicados. Neles fala de política, de xénero, de antropoloxía, de lingua... e fala en todas ben. Non todo o mundo pode facer iso, desde logo. O prólogo do libro é de Sechu Sende, que se ofreceu para iso. Son amigos e coñece moi ben o mundo do Carlos.

Agardamos que para mediados de novembro o libro poida estar nas librarías. E a nosa intención é que sexa unha das tres presentacións que Através vai facer no 'Culturgal'. Estamos aínda traballando en quen pode estar nese acto, no seu desenvolvemento...

- Embora a súa curta existencia , Através xa ten un catálogo diverso, heteroxéneo e que destaca pola calidade: Teresa Moure, Sechu Sende, H. Miguélez-Carballeira, Lopes Facal, Dionisio Pereira...

- Non somos unha editora profesional, creamos afectos, lazos. É outro xeito de traballar. Editamos máis ou menos un terzo do que nos chega porque non damos para máis. O certo é que pensamos que estes cinco anos de existencia non ía saír a cousa tan ben. Houbo cousas que non contabamos e que nos axudaron. Por exemplo, a aposta de Teresa Moure nesta normativa, co que se abreu as portas a publicala. E tamén recollemos os froitos dos 'non' que as grandes editoriais galegas dan a certos libros: así publicamos a Sechu Sende mou o de H. Miguélez-Carballeira. Fronte a negativa desas editoriais, nós encantados de ofrecer a nosa para publicalos! E iso nótase nos lazos e afectos creados, que falabamos antes. Un exemplo? Miguélez Carballeira pagou do seu propio peto a tradución dos eu libro en inglés ao galego-portugués para que así poideramos publicalo.

Comentarios