O libro galego demanda da Xunta "accións urxentes" para salvar o sector

A Asociación Galega de Editoras (AGE), a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) trasladaron ao conselleiro de Cultura da Xunta da Galiza un paquete de oito medidas esenciais para incentivar a demanda do libro galego, moi afectada pola crise provocada pola pandemia da COVID-19

Libro Os Nosos
photo_camera O libro galego é outro sector moi afectado pola crise do coronavirus (Foto: Nós Diario).

A Asociación Galega de Editoras (AGE), a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) remitiron hoxe, día 27 de marzo, ao conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta da Galiza, Román Rodríguez, un documento onde demandan ao goberno galego unha serie de accións urxentes ante a crise do coronavirus.

As tres entidades expresan a súa “fonda preocupación” polos efectos que a crise do COVID19, co estado de alarma decretado en todo o estado Español, vaia ter sobre o sector do libro galego.

Consideran que existe “un alto risco de que moitas das empresas que conforman o tecido do libro galego non poidan superar as dificultades económicas derivadas desta crítica situación, un panorama que non ten precedentes”.

A preocupación arrastra á totalidade do colectivo, desde empresas editoras e librarías —moitas delas, microempresas ou negocios unipersonais baixo o réxime de autónomos— até as autoras e autores. “Todo o seu traballo e mesmo a súa supervivencia atópanse en claro risco de continuidade”, engaden.

Neste sentido, lembran que a industria do libro galego constitúe o primeiro sector cultural do país, “e son precisamente as pequenas e medianas empresas que o conforman as que garanten a súa pluralidade e diversidade. O posible peche destas empresas, como consecuencia da crise do coronavirus, suporía unha perda irreparable para a cultura galega”.

O cálculo realizado polo sector do libro en Galicia sitúa en 30% -“como mínimo”- a previsión de diminución da facturación para este ano.

Os datos ofrecidos polas Cámaras do Libro de España cifran esa redución a nivel estatal en mil millóns de euros, 800 procedentes do mercado interior e 200 millóns do mercado exterior do libro.

Ante este panorama, as presidencias da Asociación Galega de Editoras, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e da Federación de Librarías de Galicia en representación das empresas e autoría agremiadas, solicitan á Consellería de Cultura e Turismo e ao goberno galego as seguintes medidas para o sector do libro na Galiza:

  • Dispoñer de créditos a interese cero para as empresas do sector para poder facer fronte aos problemas graves de tesouraría derivados da parada repentina da actividade económica.
  • Autorizar o atraso do pagamento das retencións do IRPF para empresas e autónomos.
  • Suspender o pagamento das cotas da Seguridade Social para empresas e autónomos durante o vindeiro semestre.
  • Facilitar o pagamento do IVE do 1º e 2º trimestre.
  • Suprimir o pagamento do IBI das librarías.
  • Pór en marcha un Bono familiar que fomente a compra en librarías.
  • Incrementar nun 50% a dotación para a compra de libros por parte de todas as bibliotecas públicas.
  • Preparar unha campaña especial de fomento da lectura que integre a toda a sociedade.
  • Deseñar un “verdadeiro plan” de potenciamento do libro galego dentro e fóra do país, con especial detemento naquelas estratexias que promovan a poñan en valor a súa internacionalización.
  • Crear unha liña especial de axudas para a edición.
  • Ampliar os prazos de execución e xustificación das accións subvencionadas en 2020. Flexibilizar todas as tramitacións das axudas, simplificar a entrega de documentación, axilizar os pagamentos.
  • As librarías (aquelas que teñan os CNAE 4761 e 4762, sendo a súa actividade principal a venda de libros) deben ser a canle comercializadora preferente para calquera compra con fondos da administración pública e/ou realizadas por entidades públicas.
  • Reorientar as asignacións económicas previstas para o Xacobeo 2021 para destinar máis recursos á edición, á actividade dos escritores/as, ás librarías, e contar coas librarías nas campañas de divulgación de Galicia como destino turístico e nas accións difusoras do Xacobeo.

Comentarios