O libro estendido que chegou a todo o mundo

Preséntase por todo o país, promove unha obra de teatro, desenvolverá unha ruta polos castros, conta con merchandaising e móvese con axilidade a través da rede. Vento e Chuvia sumou a súa condición de libro estendido ou trasmedia a de ser pioneiro en organizar unha presentación para a emigración. 

.
photo_camera .

Por streaming desde Galiza, emigrantes de todo o mundo puideron participar esta segunda feira na presentación do libro “Vento e Chuvia” (Xerais), un acto no que participaron os autores Manuel Gago e Manuel Cráneo e o editor Manuel Bragado. Dábase tamén a circunstancia de que cada un dos “Manueles” interviña desde unha cidade distinta, Gago desde Compostela, Cráneo desde A Coruña e Bragado desde Vigo. 

“Moita xente foi á emigración e a tecnoloxía permítenos ofrecerlle a cultura galega en directo”, comezou Manuel Gago unha presentación na que se admitían preguntas a través da súa páxina web, do facebook ou do correo electrónico. 

A emisión por streaming do libro que nos achega á mitoloxía e aos deuses na Idade de Ferro afonda na especial natureza do proxecto e do seu auto,  Manuel Gago, que leva anos dedicándose á difusión do noso patrimonio cultural mais tamén ao emprego das novas tecnoloxías da comunicación, en especial, no ámbito da cultura. 

O editor Manuel Bragado falou dun libro “estendido” por medio dunha edición “híbrida” que ía máis alá do volume en papel, o que Manuel Gago ten defendido como proxecto “trasmedia” e que quedou de maneira especial á vista na presentación en streaming para a emigración. A través da páxina web pódese achegar ao universo creado arredor de Vento e Chuvia, desde propostas didácticas até a tenda con produtos para "fans". 

Comentarios