Voces Poéticas Contemporáneas

Un libro escolma os premiados no Rosalía de Castro de Cornellà

A asociación cultural Rosalía de Castro de Cornellà publica un libro cos poemas gañadores do Certame de Poesía Rosalía de Castro entre 1997 e 2018.
Presentación do libro Rosalía de Castro
photo_camera Presentación do libro 'Certame de Poesía Rosalía de Castro (1997-2018)' (Asociación Rosalía de Castro)

A asociación cultural galega Rosalía de Castro de Cornellà de Lobregat publica o terceiro libro relativo ao Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, que organiza a entidade galega desde o ano 1986. Baixo o titulo Certame de Poesía Rosalía de Castro (1997-2018), o volume recolle as tres pezas galardoadas en cada unha das edicións comprendidas nas dúas décadas do período.

Un total de 63 poemas reúne as principais voces da poesía galega contemporánea, entre as que destacan nomes como Marcelino Sixto Deibe, Antón Riveiro Coello, Modesto Fraga, Rexina  Vega, Baldo Ramos, Ana Vázquez Estévez,  Emma Pedreira, Lito Caramés, Alberte Momán, Yolanda López, Alba Cid, Israel Martínez Veiga, Cruz Martínez Vilas, Amauta Castro, Miriam Ferradans, Cristina Ferreiro, Arancha Nogueira, Manuel Dopico, Issad Xubin e Gonzalo Hermo. Prologado polo escritor Armando Requeixo, ilustra a capa o artista de Padrón Masito Beiró.

Premiados 2019

Para alén da publicación da obra, déronse tamén a coñecer as pezas gañadoras da edición de 2019, aínda non recollidas nesta edición. Nomes coñecidos da nosa literatura poboan o palmarés.

“Poemas d’aeroporto”, do vigués Francisco Javier Fernández Dávila, foi o gañador. O segundo premio levouno a poeta e xornalista de Curtis Lupe Gómez polo seu “Reverberación”, mentres o escritor vilalbés Martiño Maseda Lozano levou o terceiro con “Alguén matou a primavera”. O xurado decidiu, así mesmo, outorgar un accésit a “Afacerse ao lume”, Esther Van Rodríguez. As obras gañadoras serán publicadas no vindeiro exemplar de Lúa Nova, a revista da asociación cultural.

Comentarios