O Libro do Mal Amor reúne haikus contra a violencia de xénero

A iniciativa de escribir un libro colectivo de haikus contra a violencia contra as mulleres naceu no IES Pintor Laxeiro de Lalín. Ao proxecto fóronse logo sumando nomes da literatura que constrúen  o “Libro do Mal Amor”. 

Libro do Mal Amor
photo_camera Libro do Mal Amor

Gracia Santorum, profesora do IES Pintor Laxeiro e animadora de moitas iniciativas literarias, é quen está detrás do Libro do Mal Amor que xunta haikus que denuncian a violencia contra as mulleres. O que partiu como un proxecto escolar de concientización do alumnado traspasou as paredes do centro de ensino para convidar escritores e escritoras a se sumar a este libro colectivo que busca agora financiamento para saír publicado en papel. 

Carlos Negro, Chus Pato, María Canosa, García Teijeiro, Ledicia Costas, Antía Otero, Mercedes Queixas, Rosa Aneiros, Chisco Fernández Naval, Xesús Rábade Paredes, Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Francisco Castor, María Reimóndez, Xoán Babarro, Concha Blanco ou Miro Villar son algúns dos máis de trinta nomes que aos poucos se foron sumando para participar neste proxecto literario colectivo que contou tamén coa colaboración de dúas profesoras de arte do centro, Mar García e Aránzazu Diñeiro que ilustran cada un dos poemas. 

“A reacción foi extraordinaria. Non houbo ninguén que se negase a participar.Os poemas coas ilustracións de Mar e Aránzazu son de altísima calidade”, di Gracia Santorum

“A reacción foi extraordinaria. Non houbo ninguén que se negase a participar. De todos os traballos que levo feito no ensino este é do que me sinto máis contenta. Os poemas coas ilustracións de Mar e Aránzazu son de altísima calidade”, explica Gracia Santorum que anceia agora que algunha editorial se interese por esta iniciativa ou conseguir os fondos para a súa autoedición. Ao seu favor xoga a expectación que creou no seu blog, Trafegando Ronseis, un espazo de referencia na nosa literatura  que leva activo desde 2007 e que demostra, ao seu ver, o interese que pode ter a súa publicación. “O resultado é tan extraordinario que estamos a estudar todas as posibilidades para publicalo como libro. Contamos con algunhas das máis sólidas voces da nosa literatura e é un proxecto colectivo que compromete a literatura na denuncia e na sensibilización contra a violencia de xénero”, engade Santorum. 

“Sorprendeunos o interese que espertou o Libro do Mal Amor a través do blog Trafegando Ronseis mais tamén no da biblioteca, onde están publicándose os traballos do alumnado. O proxecto mostra ademais como, malia a situación, nos centros séguese a traballar co esforzo do profesorado”, comenta, a respecto do proxecto que nace no centro de ensino secundario no que traballa. 

Destaca tamén a profesora Santorum a “rede de amizades” que se teceu arredor do proxecto que fixo que se fose ampliando, que unhas chamasen polas outras até incorporar á relación de participantes un grande número de nomes. 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios