Un libro divulga o xogo do pau

Arte marcial galega
Mestre_Monteiro_e_alunos
photo_camera O Mestre Monteiro e alumnas. Foto: cedida.

Na Galiza, e en Portugal, o caxato de labregos e pastores facía as veces de espada. Polo menos no ámbito lúdico. O xogo do pau é unha arte marcial galega, os combates de pau, que até ben entrado o século XX era frecuente nas feiras e romarías do país e mais do país veciño. Un libro do folclorista Carlos Rey e de Isidro Piñeiro -que trata de revitalizar o xogo no Salnés-, traballo de etnografía e divulgación, recupera a historia dunha disciplina que, en Portugal, segue viva.

O xogo do pau foi esmorecendo na Galiza a partir dos anos 30. As razóns, segundo recolle a entrada da Galipedia, foron varias: a acción das autoridades policiais que prohibiron o uso dos paus dentro dos recintos das  feiras; a emigración do rural ao urbano ou a países estranxeiros, e "a xeralización do uso de armas de fogo, que fixo innecesaria a aprendizaxe lenta e difícil desta técnica de defensa persoal".

Presentación esta sexta feira en Vilagarcía

Non obstante, nos últimos tempos activistas tentan recuperarlo. Jogo do Pau Compostela ou o propio Piñeiro esfórzanse nesa dirección. No mesmo sentido vai o libro O xogo do pau que, publicado pola asociación cultural de Vilagarcía de Arousa O Faiado da Memoria -coa colaboración da Deputación de Pontevedra-, presentarase esta sexta feira, 24 de xaneiro, ás oito do serán no local do Faiado. Ademais dos autores, participará no acto Cándido Meixide.

O Faiado da Memoria presentará ao longo do mes outros dous libros de produción propia, A cantiga deshonesta e Historias dunha vida vivida, amais do libro de conversas de Salvador Soutullo Palabra de patriotas.

Comentarios