Un libro analiza o 'eco' musical do Camiño

Este sábado preséntase en Viascón (Cerdedo-Cotobade) a obra multidisciplinar 'O eco das estrelas. Música medieval no camiño de Santiago'. Escrito por catro profesionais de varias materias, este estudo descobre aspectos pouco investigados das relacións entre o románico, a lírica e a música galega na Idade Media.
Detalle do libro 'O Eco das estrelas. Música medieval no Camiño de Santiago'.
photo_camera Detalle do libro 'O Eco das estrelas. Música medieval no Camiño de Santiago'.

O Camiño de Santiago ten protagonizado numerosos achegamentos de análise histórica e artística mais, até o de agora, non hai moitos que reúnan nun mesmo traballo en profundidade os seus aspectos musicais.

Coa idea de remediar esa eiva publicouse o libro O Eco das estrelas. Música medieval no Camiño de Santiago (Editorial Canela, 2021) que se presentará este sábado dentro das X Xornadas arredor da música tradicional (Casa da Gaita, Viascón, Cerdedo-Cotobade, 16.30 horas) que organiza a Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG).

O libro procura ser unha obra de referencia e contén textos de Francisco Singul, Mariña Arbor, Francisco Luengo e Xosé Manuel Salgado (que tamén achega as fotografías). "É un importante  estudo sobre a música e a poesía, unha unión de ambas que se desenvolven dunha maneira importante na Idade Media e no Camiño", explica o historiador Francisco Singul a Nós Diario.

A obra consta de catro capítulos nos que se descobren aspectos singulares, como a construción do lintel do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela ou a relación entre a poesía e a música a través da lírica profana. Nese sentido, a filóloga Mariña Arbor afirma que no seu capítulo buscou "unha posta ao día de todo o que se foi escribindo e publicando nos últimos anos sobre a lírica medieval galega".

Na obra aparece, entre outros conceptos, o da "importancia da muller na cultura e na expresión artística nas cortes aristocráticas", segundo indica Singul. Este investigador salienta como un dos puntos fortes da publicación o feito "de estar realizada desde varios ámbitos que van desde a proposta dun historiador até o dunha filóloga, pasando por un músico e un fotógrafo" 

Fotografar a música

A fotografía é un dos elementos máis coidados neste traballo. O seu autor, Xosé Manuel Salgado, percorreu o Camiño para captar aquelas imaxes que explicasen mellor a importancia da música nesa época e nese contexto.

"Sen a colaboración de entidades como a Catedral de Santiago sería imposíbel captar de perto, e en altura, elementos singulares do pórtico da Gloria", salienta este fotógrafo e xornalista a Nós Diario, "é o primeiro traballo na Galiza que relaciona música e románico, a intención é que sexa un referente", conclúe.  

Comentarios