domingo 20/09/20

Librarías enmascaradas

Así enfronta o sector os tempos do coronavirus.
Libraría (Arxina)
Libraría (Arxina)

Día do Libro, Letras Galegas, comezo das feiras... os meses máis duros do confinamento cancelaron de cheo unha das tempadas máis relevantes para o sector do libro. Xunto con estacionalidades concretas como a campaña de Nadal, o inicio do curso académico ou o verán nas zonas turísticas, os libreiros coinciden en cualificar a primavera como un período de vital importancia para o negocio. Un feche, porén, que garda os seus propios matices e vivencias. Lugares como a Librería Miranda de Bueu permaneceron abertos ao incluíren tamén a papelaría na súa actividade. "Pero quitando algunha cousa concreta, vendemos moi poucos libros. Este tempo traballamos sobre todo fotocopias, material escolar... nin prensa vendemos moita, ao estar fechados todos os negocios da redonda", di o seu responsábel, Fernando Miranda. Porén, a caída de actividade foi intensa, mesmo naqueles negocios que, como a Libraría Couceiro de Compostela ou a Librería Bahía de Foz, seguiron traballando con entrega a domicilio, "tamén como unha forma de manter o contacto co público", di Cielo Fernández, deste negocio da Mariña lucense. Tamén floreceron as alianzas co resto do comercio local: "Estivemos preparando lotes de viño e libros con algunhas taperías da zona", di Cano Paz, desde a Libraría Paz de Pontevedra.

Un contacto co público e unha reivindicación da libraría como espazo social, de encontros, complicidades e liberdade que está no fondo do discurso de moitos dos libreiros consultados. "Notámolo sobre todo cando comezamos a atender con cita previa. A xente tiña fame de libros e ganas de entrar nunha libraría, unha experiencia que algo como recoller un pedido non enche", di Antón Pedreira desde Compostela. O propio público pareceu responder co seu compromiso, son varios os libreiros que destacan a importancia de plataformas como "Todos tus libros", que permitía apoiar a libraría da elección do cliente, aínda que tamén recibiron cariño de forma directa, con moita xente interesada pola súa situación. "Sentímonos moi queridos, a verdade é que a xente respondeu", comentan desde Pedreira. Cano Paz apunta un fenómeno que se repetiu máis veces: "Xente que che fai un ingreso para compras a futuro, sen pedir nada e avisando que xa o gastarán sen présa". Trátase duns apoios que permitiron tamén que días concretos como as festividades do libro, ou os días de reapertura ao público, se superasen as expectativas dos propios libreiros.

Incerteza e abandono institucional

Porén, a palabra incerteza é a máis repetida por estes profesionais, non saber que pode pasar nos próximos meses e o medo a un rebrote en outono turban as esperanzas dun futuro ao que ven poucos apoios. "A posibilidade de aplicar un ERTE foi fundamental para poder seguir, tamén os créditos ICO con aval do Estado", din desde Bahía, que cifra a caída das vendas nestes meses nun 90%. Non obstante, Pablo Couceiro puntualiza: "os créditos hai que devolvelos, somos un sector que leva pouca porcentaxe nas vendas e enfrontámonos a un problema a longo prazo". Porén, as críticas á nula actuación da Xunta no contexto da COVID-19 parecen ser a tónica xeral, sumadas case sempre á xestión autonómica da cuestión dos libros de texto. "Antes dábase un diñeiro ás familias para a compra dos libros, agora ese diñeiro é xestionado polos centros, polo que haberá unha libraría beneficiada... ou ningunha". Fernando Miranda apunta casos como os de colexios que editan e venden os seus propios libros "nunha situación completamente alegal".

A lectura de que se recibiu moi pouco do Estado e nada da Xunta é común e deseña un panorama escasamente prometedor. "Isto pode ser a estocada final e moitas librarías non se recuperarán", indica Cano Paz, "nós esperamos poder seguir abertos e co mesmo persoal, pero isto deixa o sector patas arriba e penso que vai xerar moito sufrimento. Imos ter que reinventarnos". Unha perspectiva que comparte coa de Pablo Couceiro a necesidade de reparar en todos os elos do ecosistema do libro, sen deixar de lado os creadores e dando un toque de atención ás editoras. "Igual os editores galegos deberan reflexionar sobre a sobreprodución que están desenvolvendo. En calquera caso deberamos sentarnos todos os actores e tomar decisións", apunta Cano Paz.

"As feiras do libro volven o 13 de xuño, iso vai marcar a tendencia, de momento é importante que comecen a chegar novidades", di Antón Pedreira ao ser preguntado sobre a nova situación. "Non hai tal volta á normalidade", afirman desde a Libraría Couceiro, que conta cun dos espazos máis amplos dedicados ao libro na capital da Galiza. "Só podemos permitir tres persoas por planta e non quixemos saír á rúa porque coas distancias é unha situación difícil de xestionar. Imos cara a un mundo novo".

A rede como apoio

"O confinamento tamén animou a comprar pola rede moita xente que nunca o fixera". A reflexión de Fernando Miranda deixa un dato de dobre fío: dun lado aumentou este tipo de venda nos negocios locais, doutro témese que acabe por consolidar as grandes multinacionais que compiten con eles. Destacando sempre o seu papel como espazo físico, os libreiros non renegan, porén, da rede como apoio secundario nas vendas e, sobre todo, como ferramenta de promoción. Librarías que nestes meses tamén fixeron campañas con vídeos de apoio e comezaron a experimentar con presentacións virtuais.

comentarios