sábado 29.02.2020

A libraría Numax é distinguida co selo “libraría de calidade”

Son 110 as librarías de todo o Estado español, e tan só 6 galegas, as que contan con esta certificación que outorgan conxuntamente Acción Cultural Española e a Asociación de Cámaras do Libro de España.

A libraría Numax obtén o selo "Libraría de Calidade" (Imaxe: cedida).
A libraría Numax obtén o selo "Libraría de Calidade" (Imaxe: cedida).

A cooperativa Numax, que integra, ademais da libraría, un cinema e un laboratorio de comunicación, gráfica e vídeo, e que o próximo ano cumprirá cinco anos de existencia, entra en 2020 cun novo recoñecemento, o selo “libraría de calidade”. 

En total, son doce os novos estabelecementos que veñen de ser distinguidos a nivel estatal co selo “librarías de calidade’, entre eles a Libraría Numax, sita en Santiago de Compostela, que pasa a ser a sexta libraría galega en acadalo. Súmase, deste modo, a Ler Librarías (Santa Comba), Libraría Pedreira (Compostela), Libraría Carbatón (Vigo), Banda Deseñada (Vigo) e a Libraría Trama (Lugo). Esta iniciativa procura darlle recoñecemento e salientar a importancia das librarías na cadea do libro cada ano, así como o seu papel como axentes culturais necesarios para a existencia de pluralidade editorial e o fomento da lectura.

O Selo "Libraría de Calidade"

O Selo de Calidade de Librarías naceu a finais de 2015 e ten por obxectivo principal “distinguir, incentivar e premiar a excelencia da actividade libreira”. Para tal finalidade, “auditores externos avalían para o comité de certificación a pluralidade bibliográfica, o fondo, as actividades culturais realizadas, a relación entre a libraría e outros axentes, a prescrición, etcétera, respectando o seu proxecto e peculiaridades”, segundo se explica na propia web. É a través destes indicadores previos que se sinalan aspectos que desde o selo consideran como determinantes “para unha libraría de calidade, así como para introducir posíbeis melloras nos estabelecementos”.

comentarios