A libraría Couceiro celebra medio século de vida

Cunha xornada de actividades con festa en Compostela para públicos de todas as idades. Así vai celebrar a libraría Couceiro os seus 50 anos de vida.

16387120_243381066103884_479627521762887651_n
photo_camera [Imaxe: Couceiro]

Concertos e contacontos forman parte do programa de actividades co que a libraría Couceiro celebra o seu medio século de vida en Compostela. A xornada comeza ás 12.15 horas coas crianzas de Semente e as súas Generalinhas, seguidas de De Ninghures. Ás 13.45 horas será a quenda de Os tres pés, do que forman parte Leo i Arremecaghona, Roberto Sobrado e Xosé Constenla. Na xornada da tarde, a partir das 18 horas, desenvolveranse os contacontos da man de Celso Fernández e de Sole Felloza.

Ao longo deste mes de marzo, Couceiro realizará unha programación especial na que teñen cabida obradoiros de escritura e encontros con centros de ensino. Ao longo das próximas semanas, a libraría desconta o 5% de cada compra para agradecer ás lectoras e lectores a confianza depositada nos seus 50 anos divulgando cultura galega.

Fundado en 1969 en Compostela por Xesús Couceiro, é un dos estabelecementos con máis tradición na venda de libro galego na Galiza. As súas novas instalacións, inauguradas en 2007 na praza de Cervantes, foron concibidas como un espazo cultural de 400 metros cadrados divididos en seis plantas. Hoxe son os fillos de Xesús, Pablo e María, quen se atopan á fronte desta fábrica de soños.

Comentarios