"Liberdade de ser e sentir" para festexar o 28 de xuño as diversidades sexuais

As áreas de Igualdade e Cultura da Deputación da Coruña presentan o programa co que conmemorarán o 28 de xuño e o congreso "A memoria diversa", que decorrerá no Pazo de Mariñán (Bergondo) os días 18 e 19.
3K3W1965
photo_camera Xurxo Couto, María Muíño, Marcos López e Eva Mejuto. (Foto: Nós Diario)

A conmemoración do Día das Diversidades Sexuais o vindeiro día 28 centra o programa deseñado polas áreas de Igualdade e de Cultura da Deputación da Coruña, “Liberdade de ser e sentir”, que conta cun congreso que decorrerá o 18 e o 19 no Pazo de Mariñán (Bergondo).

 “A memoria diversa” é o título deste congreso que presentaron na terza feira os deputados Xurxo Couto e María Muíño, xunto á escritora Eva Mejuto e o coordinador do evento, Marcos López.

A campaña “Liberdade de ser e sentir” conta coa participación dun total de 85 concellos e 15 entidades, e este ano a súa programación prolóngase durante de todo o mes de xuño.

A deputada destacou a pluralidade de propostas, deseñadas en colaboración coas entidades, que "ofrecerán ferramentas e materiais para utilizar durante todo o ano e sumar miradas inclusivas para avanzar nunha sociedade máis tolerante e igualitaria".

O programa inclúe actividades para todos os públicos, desde un conto infantil que se difundirá na rede até pílulas informativas para expandir a mensaxe igualitaria, conversas públicas con representantes das entidades que defenden os dereitos dos colectivos ou a proxección do audiovisual Noite irisada, que se producirá en doce concellos.

O congreso "A memoria diversa" ten por obxectivo “recuperar e reivindicar a memoria histórica do colectivo Lgbtiqa+ na Galiza e darlle visibilidade a aquelas persoas vítimas da represión por cuestións de orientación ou identidade de xénero”, explican.

Xurxo Couto destacou na presentación que "conta con especialistas e protagonistas do movemento en defensa dos dereitos sexuais e as diversidades e recupera a memoria dun colectivo de especial relevancia na loita polas liberdades e a igualdade". 

Xunto co congreso, o programa incluirá a publicación dun libro elaborado pola escritora Eva Mejuto cun total de 12 entrevistas a activistas do movemento. Mejuto quixo apuntar na presentación que o volume nace co obxectivo de "deixar constancia das voces directas das persoas que viviron a represión á diversidade desde o franquismo, persoas que foron activistas e contan en primeira persoa a súa experiencia vital como lección para as novas xeracións". 

Nesta liña o coordinador do congreso, Marcos López, destacou a necesidade desta iniciativa que "reivindica a memoria histórica do colectivo e recupera as voces necesarias, un relato memorístico en chave diversa e galega para que o pasado e o presente axuden a construír o futuro", recalcou.

Comentarios