'Ensaio sobre a blasfemia' nace en coprodución coa Unitaria

Liberdade, filosofía e escena alternativa

A pasada fin de semana estreouse no espazo multidisciplinar e colaborativo A Unitaria, de Compostela, a peza de teatro, Ensaio sobre a blasfemia, creado por Marcos PTT, Carlos Santiago e Alberte Guitián. Un éxito de público, a pesar das restricións que afectaban xa o municipio e ás que veu sumarse a declaración do estado de alarma. 
Unha das escenas da peza teatral Unitaria
photo_camera Unha das escenas da peza teatral Unitaria

A idea do espectáculo nace do seu director, Marcos PTT (O retrete de Dorian Gray) a raíz da situación pola que atravesaron hai uns anos os seus compañeiros, e que non foron outras que as polémicas xurdidas, no tempo do carnaval, polo deseño con Papa móbil no cartel do Entroido da Coruña en 2017 (Alberte Guitián), e polo pregón pronunciado polo Apóstolo no Entroido compostelán de 2018 (Carlos Santiago). 

"O espectáculo está presentando como unha charla, unha conferencia en ton de comedia", explica Alberte Guitián, "queriamos tratar estes temas que seguen a ser candentes: a liberdade de expresión, a censura, a corrección política asfixiante... baixo o prisma do humor, da sátira e do espírito do Entroido".

Na mesma liña exprésase o director da peza, "tiñamos ganas dunha falcatruada e xa a realidade nos deu a escusa". Mediante o uso dunha mesa para manipulación de bonecos e obxectos, unha cámara enfocando a dita superficie e, no papel de orador ou conferenciante, Carlos Santiago desde un atril "facemos un percorrido desde os gregos, falamos de Cristo, de Xoán Calviño, como nós lle chamamos", di o director referíndose a Jean Calvin, "e tocamos todas esas historias de grandes blasfemos da historia para explicar que é iso da liberdade de expresión". 

A este respecto, o autor de Ensaio sobre a blasfemia, Carlos Santiago, puntualiza que " a proposta era facer un traballo case de didáctica sociocultural sobre a liberdade de expresión, porque naquel momento os nosos casos non eran excepcionais, senón que había un acoso continuado a todo tipo de expresións artísticas".  "Falamos do ataque perverso de certos sectores políticos contra a liberdade de expresión pero tampouco aforramos críticas á esquerda".

Os creadores deste Ensaio sobre a blasfemia comparten o pensamento de que baixo o termo "politicamente correcto" se agocha a limitación da liberdade. Neste respecto, Carlos Santiago expón algúns dos coñecementos extraídos no proceso de documentación para a elaboración do texto teatral. "O termo ‘politicamente correcto’ nace nos Estados Unidos como un insulto da dereita reaccionaria cara á nova esquerda, para menosprezar a súa loita contra da discriminación e de aí chegamos a un momento dado no que a política asume o politicamente correcto como un campo neutral, como se a través da linguaxe se borrase a discriminación a ou loita contra dela", expón o dramaturgo compostelán.  

O autor e protagonista deste "documento teatral" puntualiza que o discurso convencional "borra os colectivos marxinalizados ou discriminados, por exemplo as mulleres, e a súa loita a través do 'falar ben'". Así, no texto mencionan a filósofa Judith Butler e a súa afirmación de que roubar o propio insulto fai que os colectivos carezan da posibilidade de revertelo contra o seu opresor, "que foi o que fixeron os negros dos Estados Unidos, porque Malcom X asumíase como negro e o insulto pasou a ser identidade", engade Santiago, para sumar que "estes son os aspectos filosóficos que analizamos desde o teatro e mais a sátira no espectáculo".

"A falla de liberdade causa infantilización na opinión pública"

"Voltaire dicía que era mellor que cada quen puidese dicir o que lle petase, e non que un grupiño de ‘petulantes’ o decidise", apunta Santiago ao falar do acontecido nos Entroidos de 2017 e 2018, que o seu compañeiro Guitián definiu como "sobredimensionado e tendencioso". "Limitar o que podemos dicir provoca exclusión e a infantilización da opinión pública", asegura Santiago, e suma, "só hai dúas explicacións ao que pasou daquela, ou foi estupidez ou foi cinismo".

Comentarios