Música

'Liberar as arterias', o novo de Sés, rebélase "contra a xenreira"

Chega aos mercados o último disco da cantante María Xosé Silvar 
María Xosé Silvar
photo_camera María Xosé Silvar

Hoxe sae á venda o último traballo de Sés, Liberar as arterias. A súa música, sen abandonar a súa habitual mensaxe combativa que a caracteriza desde as súas orixes, continúa coa exploración dos ritmos latinos percorrendo América de norte a sur, pasando sempre a influencia do outro lado do charco polo seu ineludíbel filtro de cantareira, desa gorxa que canta igual blues que muiñeira.

Para alén do sinxelo xa adiantado, "Espiña sen rosa", o disco deléitanos con outros 11 temas profundamente inseridos na identidade de María Xosé Silvar, entre o cantar íntimo e persoal e o sentir colectivo contra a opresión, os prexuízos e a intolerancia. Pois "hai quen fala e hai quen louba / eu ben sei quen son os meus", canta con determinación na segunda pista do álbum. A súa voz chega ao global desde o propio, sen perder nunca o norte nin a orixe, coa lingua como peza fundamental.

Homenaxe a Luz Fandiño

O título é unha homenaxe á poeta e activista Luz Fandiño, no que a compositora conclúe que non quere ser escrava da xenreira. "Neste momento, politicamente nefasto, hemos de ter especial coidado con non caer no enredo dun sistema que nos prefire anuladxs, enfadadxs, coléricxs... descontroladxs", advirte a cantautora no limiar do disco.

"Neste momento, politicamente nefasto, hemos de ter especial coidado con non caer no enredo dun sistema que nos prefire anuladxs, enfadadxs, coléricxs... descontroladxs", advirte a cantautora no limiar do disco

"A ira gasta os teus dentes, coloniza a túa voz", manifesta no tema "Trampa de odio". Igualmente, identifícase con Fandiño en "Liberar as arterias", canción que comparte nome co propio disco, musicando os versos desa inspiradora muller: "Son a poeta dos que loitan por saír de escravos". A obra ábrese tamén cunha emotiva dedicatoria a ao activista independentista Afonso Mendes Souto, que falecía o pasado ano.

Os concertos de presentación terán lugar no vindeiro mes de marzo. O día 6 Sés estará no Teatro Afundación de Vigo e o 22 no Pazo da Ópera da Coruña. Coas entradas todas vendidas nestas dúas citas na Galiza, visitará Madrid e Barcelona, após retornar da actual xira por Latinoamerica.

Comentarios