É lexítimo homenaxear á “franquista” Sofía Casanova?

O escritor e investigador Xosé Enrique Acuña expón nun artigo o pasado franquista de Sofía Casanova e cuestiona que se lle continúen a render homenaxes. A última, a do Consello da Cultura Galega co gallo do centenario da Primeira Guerra Mundial que se desenvolve estas segunda e terza feiras. 

Sofía Casanova
photo_camera Sofía Casanova

“Pode unha persoa, escritor ou escritora, que no seu día e con publicidade insistise en declaracións en apoio de Adolf Hitler e máis dos seus criminais métodos de goberno darlle nome a un centro de ensino?”, así comeza Xosé Enrique Acuña o artigo “O brazo ergueito de Sofía Casanova” publicado en Biosbardia, a revista dixital sobre libros en galego dirixida polo xornalista César Lorenzo Gil. Ademais de publicar unha fotografía inédita rescatada de Fotos. Semanario gráfico nacionalsindicalista na que se ve a escritora, xa vella, rodeada dos seus netos co brazo erguido facendo o saúdo nazi na Polonia de 1938, Xosé Enrique Acuña percorre todo o pasado de Casanova de vinculacións coas ditaduras europeas do seu tempo, a súa simpatía polo réxime de Mussolini máis o seu posicionamento indiscutíbel da beira do golpe do xeneral Francisco Franco. 

"Manuel Fraga detectara xa desde os seus tempos como director do Instituto de Cultura Hispánica, o enorme valor propagandístico dos escritos anticomunistas de Sofía Casanova”, sinala Xosé Enrique.Acuña

O nome de Sofía Casanova loce en dous centros de ensino -Ferrol e Culleredo- e nas rúas de cinco concellos, ademais de continuar a recibir recoñecementos e homenaxes que Acuña debulla no seu texto, incluídos algúns promovidos desde entidades e organizacións da esquerda e o nacionalismo. "Manuel Fraga detectara xa desde os seus tempos como director do Instituto de Cultura Hispánica, o enorme valor propagandístico dos escritos anticomunistas de Sofía Casanova”, escribe no amplo artigo no que percorre episodios desa relación afectiva da escritora co réxime franquista e cuestiona mesmo o rigor e a veracidade do seu traballo xornalístico. 

O artigo publícase en vésperas de que Casanova reciba un novo recoñecemento. Desta volta, da man do Consello da Cultura Galega que lle rende homenaxe en dúas sesións coa proxección do documental ficcionado A maleta de Sofía dirixida por Marcos Gallego e un posterior debate que terá lugar esta segunda feira día 14 no Centro Galego de Artes da Imaxe da Coruña e a terza día 15 na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago. “Foi unha auténtica pioneira no seu traballo xornalístico e forma parte desas primeiras reporteiras esquecidas e invisibilizadas que estiveron preto dos campos de batalla”, sinálase na presentación do programa de actividades a respecto da escritora e xornalista. 

"O certo é que a figura da Casanova —como outros casos que aínda persisten para escarnio das persoas e colectivos, cargos electos incluídos, que nas súas mans está o darlle volta a tan pouca democrática e incivil circunstancia— continúa a ser homenaxeada nos frontispicios de centros públicos de ensino de Galicia e mesmo aireada, caso da páxina web dalgún dos centros sinalados, con santificantes e deturpadas versións da súa biografía", defende Xosé Enrique Acuña, no remate do seu artigo. 

Comentarios