O NOVO CURSO LITERARIO

Letras para un outono

Os certames literarios seguen a ser unha das locomotoras do mundo editorial galego. O reinicio de curso así o certifica. Entre as novidades que acompañarán o outono atópanse non poucas obras derivadas da concesión de premios: o Torrente Ballester e o García Barros de narrativa, o Gonzalo López Abente de poesía, ou o Álvaro Cunqueiro e o Manuel María de teatro. Pero non só.

photo_camera libros

O poeta e narrador Francisco Xosé Fernández Naval (Ourense, 1956) regresa á novela cinco anos despois da Noite branca con Alma e o mar (Galaxia). Un dos autores máis veteranos de entre os activos, Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932), fedella na súa memoria de infancia no Neno mariñeiro (Xerais). Co Xardineiro inglés (Galaxia), premio Manuel García Barros, volve Marcos Calveiro (Vilagarcía de Arousa, 1968) logo dun hiato de dous anos estraño para un autor tan prolífico. Aínda que, insistiu en diversas entrevistas, deixou de escribir e esta obra rescatouna da gabeta.

Pero no eido narrativo hai tamén estreas. A poeta Eli Ríos (Londres, 1976) sorprendía hai uns meses ao se facer co premio Torrente Ballester en lingua galega con Luns (Xerais), unha novela protagonizada por, segundo o xurado, "unha personaxe feminina perfilada con solvencia que se bota un pulso a si mesma ante unha situación vital dramática".

A eclosión das novas voces poéticas

Nos últimos tempos, a crítica refírese á eclosión dunha nova promoción de poetas. As recentes escolmas 13. Antoloxía da poesía galega próxima (Chan da Pólvora) e No seu despregar (Apiario) recollen unha significativa porción das novas voces. Na segunda aparecen poemas de Tamara Andrés (Pontevedra, 1992), de quen Galaxia publicará o seu debut individual en Corpo de Antiochia. Chan da Pólvora fai a súa propia aposta polos novísimos e, na colección Malaca de Fóra, sacará textos de Iago Rodríguez, 17 anos e segundo o editor Antón Lopo "con versos de resistencia emocional que se mastigan, de terra", e mais de Mónica Sánchez, "poesía telúrica de radicalidade identitaria e feminista".

Especializada en poesía, Chan da Pólvora recupera ao Emilio Araúxo (Coles, 1946) poeta con Seica si, coeditado con Amastra-N-Gallar. "É unha voz poderosa que confirma a Araúxo como o gran poeta das últimas décadas, que se enxerta nunha tradición que vai máis alá de Novoneyra, que usa a poesía como rescate e como transporte", expón Lopo, quen tamén se debruza sobre a terceira das novidades da editorial: A lentitude (disolución), de María do Cebreiro (Compostela, 1976). "Do Cebreiro entrégase a unha especie de mística á que se enfronta con, diría eu, moralismo, no sentido de coherencia consigo mesma", engade, nun libro que considera de inflexión na traxectoria dunha autora "en perpetua construción".

Con Mudanzas e outros velenos, Galaxia xunta a poesía completa de Marilar Aleixandre (Madrid, 1947), que acaba de ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Da man da editora morracense Barbantesa, Luís Valle (Lugo, 1977) afonda na esencialización do seu discurso poético con Para que eu beba, mentres Elvira Ribeiro (Pontevedra, 1971) escribe "dos exilios emocionais e corporais, das prisións internas e das reais, da memoria como testemuño" en Welcome to Sing Sing. Amais da súa primeira novela, Eli Ríos tamén publicará Culpábel, o libro de poemas co que gañou o premio López Abente, da man de Xerais.

Xerais será tamén quen se encargue de dar ao prelo o premio Álvaro Cunqueiro de teatro, que na súa última edición levou Manuel Lourenzo (O Valadouro, 1943) con Sweet Arcadia, e Manuel María de teatro infantil, que foi para Carlos Labraña (Cedeira, 1969) por O valo, centrado na guerra de Siria.

Volven clásicos do ensaio

Nomes clásicos do ensaio en galego, un xénero menos transitado en Galiza do que a convulsa actualidade mundial faría agardar, volven no outono ás librarías. María Xosé Queizán asexa desde ángulos inéditos a figura de Rosalía en Rosalía de Castro e o poder sexual (Xerais). E o historiador Ramón Villares indaga na cuestión nacional con Indentidades e afectos patrios (Galaxia). A mesma casa bota A liberdade no século XXI, de Enrique Sáez Ponte.

O proxecto editorial Axóuxere céntrase no pensamento das marxes e en prácticas narrativas heterodoxas. Para este trimestre preparan Na defensa dos animais, do profesor de filosofía da Universidade de Santiago de Compostela Óscar Horta (Vigo, 1974), que, en palabras do editor Roberto Abuín,  é"unha revisión da ética animal desde a filosofía analítica" con paraxes no terreo político lexislativo. E mais 'ayn. O ollo e a fonte, de Almudena Otero Villena, sobre "místicas heterodoxas medievais" e a medio camiño entre a literatura, a política e a filosofía. Axóuxere tamén contribúe á reavaliación dos múltiples labores de Emilio Araúxo, de quen publicará a súa rescrita dun texto do irlandés Samuel Beckett.

Comentarios