As letras galegas teñen música de muller

Ferreñas & Rock and Roll é un volume editado por Baía Edicións escrito e ilustrado pola investigadora Laura Romero e a filóloga Iria Pedreira que bota luz sobre esas grandes artistas galegas que permanecen invisibilizadas no caixón da historia. 

Ferrenhas-dobre web
photo_camera O volume integra ilustracións con textos informativos sobre a traxectoria vital e profesional das protagonistas. (Baía Edicións).

Guadi Galego, Mercedes Peón, Susana Seivane, Cristina Pato ou Ana Kiro son nomes fundamentais na música do país, familiares para todas as galegas, mais, cantas saberían quen eran Xosefa de Bastavales, Pili Dios ou Marisé e Eva Izquierdo?

Coa finalidade de botar luz sobre esas grandes artistas galegas que permanecen invisibilizadas no caixón da historia xorde Ferreñas & Rock and Roll, un volume editado por Baía Edicións escrito e ilustrado pola investigadora Laura Romero e pola filóloga Iria Pedreira.

O libro foi presentado na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, nun acto que contou coa presenza das autoras e do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira,. O traballo foi distinguido cun premio no Concurso de Ideas Luísa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade, convocado en 2018 pola área de Benestar Social e  Educación do ente provincial. 

Colorear a música para visibilizar estrelas

Unha das autoras, Laura Romero, leva no brazo un lapis tatuado, que axita ao ritmo do son cada vez que interpreta un tema coa súa banda, Zënzar, a decana do rock en galego. 

Música, ilustradora e urban sketcher, a polifacética artista explica para Nós Diario que as orixes deste catálogo ilustrado están no proxecto Músicas Galegas Ilustradas, que ela mesma inicia en 2017 co obxectivo de “dar visibilidade ás mulleres músicas de Galiza -galegas ou referentes a Galiza- mediante ilustracións”.

Entre as historias das 30 artistas que recolle o libro -todas do século XX agás a zanfonista cega María Doval, que é do XIX- Romero destaca a de Xosefa de Bastavales: "Facendo pescudas sobre a historia da música na Galiza atopei a Xosefa de Bastavales, que pese ao seu nome era de Tordoia, na comarca de Ordes. Xosefa era unha pandeireteira que, sendo xa unha señora maior, vincúlase ao Bravú e chega a coñecer Manu Chao, marchando de xira con el en 1997".

E é que, como di Xurxo Souto no prólogo de Ferreñas & Rock and Roll poñendo o exemplo da propia Xosefa de Bastavales, “sobre a invisibilidade das mulleres na música pouco hai que argumentar, poucas son as persoas que saben dunha artista extraordinaria como Xosefa de Bastavales, e moito menos dos seus triunfos internacionais, mais, afortunadamente, Laura Romero si”.

Son todas as que están, mais non están todas as que son

Laura Romero revela para Nós Diario que o proceso de selección das artistas, orixinalmente, daba espazo “para unhas 15, as que incluímos na candidatura do Concurso de Ideas Luísa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade, que eran as que eu máis coñecía e das que máis ganas tiña de falar”.

“Porén -prosigue- había outros casos, como os das irmáns Pérez Lage, que rematamos por incluír no libro, e así, a través de diferentes contactos, puiden ir engadindo xente até dobrar esa cifra e chegar ás 30”.

Ese boca a boca, non obstante, non foi abondo para que Laura Romero conseguise compilar todas as artistas que lle gustaría. “Hai moitas coas que non fun quen de contactar, e entón non puideron ser incluídas no catálogo, e quédache un sentimento de que quizais podería estar máis completo con elas, mais estou moi contenta coas que están, pois a selección abrangue moitos estilos distintos de música”.  

Comentarios