Disco dobre de rarezas e inéditos

A letra pequena de Ataque Escampe

A verdadeira historia estética dun grupo é ás veces máis lexíbel na letra pequena da súa obra espallada ca nos grandes titulares dos seus discos. Eis a posibilidade que, para os carismáticos Ataque Escampe, abre o dobre disco Ídolos adolescentes / A vida dos animais, que desde esta segunda feira se pode escoitar na Rede.
 

ataqueescampe
photo_camera Ataque Escampe nunha recente imaxe promocional. Foto: David Silva / Ataque Escampe.

Confórmano 24 cancións, divididas entre Ídolos adolescentes (2007-2011) e A vida dos animais (2012-2018), rescatadas de traballos colectivos, homenaxes, demos até agora arquivadas, algún directo, versións e outros fondos de armario. Catro inéditas, rexistradas ao vivo no estudio das Gonzalinhas (Bermés, Lalín), funcionan como anzol para as seguidras máis intensas.

Ídolos adolescentes / A vida dos animais deixa fóra de foco os cinco primeiros anos da banda, aqueles en que se forxou o seu autodenominado rock de serie B. Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (2007) titularon o debut, canda o seguinte Galicia es una mierda (2008) sínteses da etapa. O seu folk rock áspero, con talento melódico e xa dotado dunha lírica melnacólica e sarcástica, realista e derrotista pero nunca resignada, foi só un episodio dentro da vida de Ataque Escampe.

ataque escampe ídolos adolescentes

Porque neste documento da cara oculta da banda percíbese a súa profunda evolución, practicamente a súa metamorfose. Aínda que talvez nunca abandonase a filosofía folk. Só que onde antes o entendía como Neil Young acústico e outras cancións de autor desviadas, agora incorpora cumbia, dub, rumba, rap ou kraut. O territorio ampliouse. Ao tempo, Ídolos adolescentes... tamén permite entender o laborioso traballo de arranxos ao que Ataque Escampe somete as súas cancións: a demo Swag, do seu último elepé Primeiros bicos (2017), amósao.

Liña de sombra


Pensado tamén como tributo á súa audiencia máis nova e descoñecedora dalgunhas destas pezas, Ataque Escampe atravesa, con este disco dobre dispoñíbel só en formato dixital, unha nova liña de sombra. Se despois de O disco vermello (2014) o vocalista Álex Charlón deixaba o proxecto, é agora Roi Vidal, o seu substituto, quen cede o posto. Con el sae tamén o batería Álvaro Trillo. Fican a bordo os fundadores Miguel Mosqueira (guitarra e voz) e Samuel Solleiro (guitarra) e mais Lois Carlín (baixo).

A praxe escénica asentou. Atrás quedan actuacións desaxustadas e certa lenda de impredicíbeis directos. O paso por case todos os escenarios do país -os seus concertos cóntanse por centos- axudou. Seis discos -entre eles o celebrado e magnífico Violentos anos dez (2011), tratado de soul branco e político-, un EP e un disco de mesturas electrónicas -Galicia es una fiesta (2009)- preceden Ídolos adolescentes / A idade dos animais.

En seis pistas

Para che falar de amor, incluída no disco colectivo Manifesto Dobarrista (2007)
Con esta versión de Andrés Dobarro contribuían á rehabilitación indie pop do ferrolán, ao tempo que o transportaban a un dos seus valses country folk, a medio metro do noutrora célebre Elvis Perkins.

ataque escampe vida dos animais

Non hai lúa, demo de A grande evasión (2008)
É un dos mellores cortes do infravalorado, e talvez unha miga excesivo, A grande evasión (200). A súa progresión repetitiva, sumada á fermosa melodía pop, conectan con certas pasaxes de Spiritualized. Eis unha versión obviamente máis espida que a publicada.

Música feliz, incluído no disco colectivo de homenaxe aos Resentidos A tribo toda baila (2012)
O seu traballo de detournement do clásico dos Resentidos -do disco Música doméstica (1986)- acabou nun dos rexistros máis emocionantes da carreira de Ataque Escampe. A música feliz vira en balada triste, con exquisitos, pensadísimos arranxos de corda, e un eco a The Divine Comedy pero sen esa ironía resabiada.

Monólogo do vello traballador, dun concerto homenaxe a Celso Emilio Ferreiro en 2012
Antes de gravar A vitoria no EP Noites de agosto con Ataque Escampe (2012), a banda empregou eses mesmos acordes para acompañar o gran poema de Celso Emilio Ferreiro. Denuncia da plusvalía con sintetizadores e de novo ese aire de valse obreiro apaixonado, emocionado, militante.

Me quedo contigo, ao vivo nas Gonzalinhas (Lalín) en 2018
Ataque Escampe aplica ao clásico de Los Chunguitos o tratamento Calexico -rock fronteirizo, elegantes guitarras- que xa aplicara a outro dos grandes achados incluído en Ídolos adolescentes...: Nos días do medo, de Das Kapital, orixinalmente unha pista oculta en Grecia (2013) do grupo de electrónica industrial.

Maycar, ao vivo nas As Gonzalinhas (Lalín) en 2018
“Cumprirás noventa / subindo as escaleiras do Maycar” pecha o círculo. Homenaxe amarga á nocturnidade a aleivosía, (auto)crítica de costumes da eterna adolescencia, a partir do standard soul de Smokey Robinson My guy Ataque Escampe regresa onde todo comezou, escuros e afumados locais de lecer e diletancia, as expectativas continuamente frustradas, un país que se descompón, subalternidade finalmente orgullosa.

Nota: cubertas de Ídolos adolescentes / A vida dos animais (2018).

Comentarios