QUE LER?

Ignacio Vilar recomenda "Os fillos da fame", do poeta de Mazaricos Ismael Ramos

Ignacio Vilar, coa montaxe de Sicixia xa rematada, recomenda Os fillos da fame, do poeta de Mazaricos Ismael Ramos

Ignacio Vilar, nun momento de lecer durante a rodaxe de Sicixia
photo_camera Ignacio Vilar, nun momento de lecer durante a rodaxe de Sicixia

Ignacio Vilar fai un oco para atender a Sermos durante un merecido descanso: acaba de pór fin á montaxe de Sicixia, o seu novo filme, rodado entre Sabucedo -apenas os primeiros cinco minutos da metraxe, durante a brava Rapa das bestas- e a Costa da Morte e cuxa chegada ás pantallas do país está programada para o mes de novembro.

-Que estás a ler actualmente

-Estou a ler un libro de poesía, Os fillos da fame, premio Johan Carballeira. É un rapaz de 22 anos que escribe nun galego impresionante. Está en Xerais. Xa esgotou a súa primeira edición.

-Les máis guións ou libros?

Libros, libros. Estou lendo tamén a obra completa de Rosalía, editada pola Fundación Rosalía de Castro.

-Estás descubrindo algo novo sobre ela?

-Acabo de ler unha biografía que aínda non foi dada ao prelo. Sobre Rosalía descóbrense cousas constantemente. Lembro que en 2013 asistín a un congreso sobre ela no que tomaron parte especialistas rusos, ingleses, norteamericanos e, por suposto, galegos. Hai novos achados sobre Rosalía que desmenten a imaxe tópica que sempre circulou sobre ela. A Rosalía real está aparecendo: activa, enérxica, non chorona, nen de loito, tirada para adiante, reivindicativa. Impresionante.

-Algunha recomendación de leituras para a xente da comunidade sermos?

-Reitero: Os fillos da fame, as obras completas de Rosalía e despois recomendaría A historia da arte de Ernst Gombrich, un historiador alemán. O máis incríbel deste libro é que se che fala de Picasso nos últimos capítulos poncho en conexión coas máscaras africanas das que che falou nos primeiros. A conclusión é que os seres humanos inventamos sobre traballo previo, sobre algo xa feito. Hai outro libro meu de cabeceira, sobre o que volvo sempre, Plantas Medicinales, de Pío Font Quer. É un libro dun biólogo e botánico catalán dos anos 30. Eis está a historia de cada planta. Por exemplo, a historia do tabaco. Como chega a planta do tabaco a Europa. Apaixonante. Font Quer estivo na Galiza nos anos 30, na procura do cornecho (claviceps purpurea), un fungo que se dá no país con propriedades alucinóxenas e curativas, mais co que hai que ter moito tino e non pasarse de dose...

-Tes tempo para ler durante as rodaxes?

-Nada. Imposíbel. Por convenio traballamos 11 horas diarias. A iso súmalle outras 4 horas para preparar o día seguinte. Acabas baldado.

-Les con ollos de cineasta, isto é, na procura de historias que podas levar ao cinema?

-Si, cando leo novelas, si, por suposto. A Historia da Arte é un libro que recomendo a todo o mundo. Non só serve para facer cinema, senón para ver a vida mesma. Axuda a abrir os ollos ao mundo.

-Conclúo cunha pergunta sobre Sicixia. Sentiche a presión de voltares a filmar depois dun suceso da envergadura de A Esmorga?

-Para mín a presión en cada película é lograr chegar ao espectador, chegar a emocionar. Con Sicixia pasoume algo curioso. É a vez a rodaxe en que mellor o pasei, mais tamén a rodaxe en que máis sofrín. Ao principio apenas tiñamos historia que contar. Foi a propia xente da Costa da Morte a que nos foi inspirando a historia. Eu quería meterme como espido na Costa da Morte para poder chegar a súa esencia. Toda experiencia che dá angustia, che dá medo. Agora, vendo o resultado final, na montaxe, estamos impresionados. Ao final a Costa da Morte meteuse na nosa película. Rodamos desde o Monte Pindo, o monte dos nosos deuses, e baixamos ao fondo do mar.

-Que significa Sicixia, a palabra?

-É un termo científico que designa o momento en que o sol, a lúa e a terra están aliñados.

Comentarios