martes 04/08/20
Unha escolma do papel

Ler A esmorga, ver A Esmorga

Un fotograma do filme
Un fotograma do filme

Seguramente resultou de grande complexidade o traballo de realizar a adaptación d’A Esmorga á grande pantalla. O propio director e actores fóronnos transmitindo a idea desa complexidade en varios actos de promoción da fita, que se realizaron nos días previos á estrea. Primeiramente, polo material humano que se manexa na novela, unha historia de aparencia sinxela mais de alta densidade humana. Aínda que os protagonistas responden a tipos universais cun perfil moi nidio, conseguir a necesaria engrenaxe entre eles debeu resultar tamén unha tarefa ardua e laboriosa, non apta para novatos. Non se definen illadamente polo seu físico ou polos seus actos, senón fundamentalmente pola relación que se establece entre eles, en particular entre o Bocas e o Milhomes. Nun caso, podemos supor a dificultade de dar cun actor que encarnase un mozo de ollos “gazos, moi francos e belidos, coma de neno, anque algo afuscados polas pérfebas, que decote as aguichaba coma se non vise ben”, no caso do Bocas. No outro, atopar un mozo “focho e gordete coma de manteiga”, con “cacarexo de madamita” ou “gargalladiña de costureira”, no caso do Milhomes.

A esa sinuosa relación de atracción e violencia a un tempo, engádese a imaxe inevitábel de seren maltratados por pertenceren á Galiza empobrecida, a un pobo que non ten valedores políticos nin saídas visíbeis máis que aexclusión da sociedade. Todo iso sen caer na visión estereotipada e rocambolesca de troula pintoresca, consumo de alcol sen motivo, sadismo indiscriminado, tal e como teiman algunha lecturas.

PROXECTO DE PAÍS

En segundo lugar, en canto aos espazos, a película mostra claramente que se trata dun proxecto de país, tal e como declarou o mesmo Ignacio Vilar en entrevista a este medio. A calquera sorprende a grande riqueza de matices no xogo entre espazo exterior e interior, con valor simbólico transgresor, que tamén reflicten os episodios máis significativos da novela. Aínda que a adaptación cinematográfica nos sitúa nos anos cincuenta, pódense imaxinar as complicacións para atopar rúas acaídas do centro histórico de Ourense ou doutras vilas, con todos os detalles respectuosos co tempo histórico da novela, sen elementos espurios distorsionantes, así como zonas suburbiais polas que discorre o periplo dos esmorgantes.

Complementando ese patrimonio monumental, temos a maiores unha natureza esplendorosa, que demostra que o cinema galego nese eido ten moito que aproveitar: o souto de castiñeiros centenarios, o río de correntes prodixiosas que, evidentemente, non pode ser o Barbaña da novela. A fita rodouse na súa maior parte en Ourense, desexo reiterado polo propio Blanco Amor. Curiosamente, esta provincia salienta a miúdo por presentar as peores cifras do Estado nos indicadores de nivel de vida e benestar. Porén, é a provincia que conta co máis rico patrimonio monumental de todo o Estado. Seguramente tamén é dos máis descoñecidos.

A natureza maltratada reflíctese nas secuencias rodadas no Campo das Bestas, un vertedoiro de lixo como os que existían aínda nos anos oitenta en moitos concellos de Galiza. É unha solución atinada situar este escenario nas minas abandonadas de Río Tinto en Touro, actualmente tamén vertedoiro, e que simbolizan un dos grandes desastres ecolóxicos deste país, que afectou a vida dun río tan importante coma o Ulla.

ALÉN TÓPICOS

O filme arríscase a reflectir, de xeito nada tópico, a realidade galega de extrarradio, esa característica simbiose entre mundo urbano e rural, por máis que a historia da novela transcorra fundamentalmente en espazo urbano. A casa da Raxada representa a infravivenda, unha pequena estancia sen divisións internas, a chamada parrumeira, con paredes tisnadas de feluxe, trespés e tixolo afumados, espelliño colgado na parede, sen auga para asearse e cociñar alimentos... O Lisardiño, neno de catro anos, dorme nun berce a carón da cama dos pais e repara nas relacións sexuais destes e nos seus xemidos, estas si, un pouco convencionais. Na novela a imaxe é aínda máis crúa e miserenta que a que transmite a película. O picariño está envolto “nun androllo de farrapos e cobertores vellos”, ao pé da cama, e os ratos véñenlle ás galletas. Non nos espantemos! Tal realidade era a dos fogares de moitos traballadores, xornaleiros e caseiros. Isto contrasta poderosamente, a pouco que se repare, co luxo dos espazos vedados ao esmorgantes, e que eles transgriden: o mundo dos pazos, fantasmagóricos pazos baleiros da fidalguía, e as igrexas.

En fin,“A Esmorga está triunfando!”, comentaban os meus máis animados alumnos/as de primeiro e segundo de bacharelato na semana seguinte a esta esperada estrea. Estes días fomos analizando paso a paso o ben que se complementan novela e filme. Todo o que lle falta á novela, por ser un relato procesual, un relato de feitos dun reo ante un xuíz, teno o filme, sobre todo unha fotografía espectacular, malia á abafante atmosfera chuviosa que caracteriza a historia. E o que poidamos botar en falta no filme, teno ben matizado a novela.

Este artigo apareceu no Sermos Galiza nº125, publicado a 4 de decembro de 2014.

comentarios