O lento esmorecer do CGAI

A piques de entrar na trintena, o Centro Galego das Artes da Imaxe afronta un futuro incerto. O esganamento orzamentario, a redución de persoal e a parálise burocrática colocan a filmoteca nacional galega nunha situación crítica. As mudanzas nos estatutos de Agadic tamén poden, segundo avisan desde o sector, contribuír á súa perda de independencia.
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Sede do CGAI na Coruña. Foto: Jglamela.

O Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) abeira os trinta anos de idade. Constituído polo decreto 210 do 5 de outubro de 1989 do Goberno tripartito, abriu as portas o 15 de marzo de 1991. Segundo describe a propia páxina web, "a súa principal misión é a salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego". Andando o tempo, erixiuse no máis semellante a unha filmoteca nacional de Galiza, con sede nunha céntrica rúa da Coruña. Mais o seu papel esmorece, entre drásticas reducións orzamentarias, parálise burocrática e un cadro de persoal cadora máis exiguo.


Os Orzamentos da Xunta para 2020 destinan 120.000 euros ao CGAI, 30.000 menos que no anterior exercicio. Noutras etapas, a cifra chegou a superar os 400.000. As consecuencias son as esperábeis. Oito traballadoras - unha delas a tempo parcial- asumen os labores que, noutrora, realizaban 13. A súa biblioteca, especializada en cinema e fotografía e cun fondo de máis de 10.000 volumes, permanece pechada. Orientada á investigación e unha das apostas históricas principais do centro, a falta de persoal condénaa ao estado de hibernación. Na mesma situación atópanse os servizos de publicacións e exposiciós.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios