A lendaria 'Miss Docet' revive na escena

A Compañía Eléctrica leva aos escenarios a obra Miss Docet, unha peza baseada na vida de Emilia Docet, a 'Miss galeguista'. Iría Pinheiro, a actriz que protagoniza en solitario esta aventura, contou con María Reimóndez para escribir os diálogos dunha historia que procura recuperar parte da memoria roubada após 1936.
Iría Pinheiro nun momento da representación de 'Miss Docet' (Foto: Andrés Seara).
photo_camera Iría Pinheiro nun momento da representación de 'Miss Docet'. (Foto: Andrés Seara)

Recoller a memoria recente e darlle vida é a idea fundamental que teñen algunhas propostas teatrais galegas que sorprenden o público. Un afán pedagóxico mesturado con valentía se de quen se fala é alguén próximo no tempo, aínda que pouco tratado e do que se ten pouca información.

Dos vimbios dunha primeira investigación realizada polo escritor e xornalista Diego Giráldez xurdiu a fórmula que atopou a Compañía Eléctrica para realizar Miss Docet, unha obra sobre a figura de Emilia Docet, á que moitas e moitos denominan 'Miss España galeguista', e que se poderá ver esta sexta feira 10 de xuño en Rianxo (Auditorio Municipal, 21 horas). 

“Levaba anos querendo traballar esta historia, non entendía como quedou silenciada durante tanto tempo”, explica, en conversa con Nós Diario, Iria Pinheiro, autora do texto da peza teatral xunto a María Reimóndez ademais de ser a actriz que dá vida a Emilia Docet. O “descubrimento” e as facilidades que lle deu Giráldez con todo tipo de documentación fixeron que se animara a trasladar ás táboas “toda unha época descoñecida, con mulleres como Urania Mella, Olimpia Valencia, María Antonia Sanjurjo, Juana Capdevielle ou a propia María Luz Morales que chegou a ser directora do xornal La Vanguardia”, indica Pinheiro.

Unha historia escrita a catro mans 

Após o traballo de documentación, tocaba levar a historia de Docet ao papel para darlle vida na obra. “Foi un traballo a catro mans con María Reimóndez, primeiro nunha parte textual e logo, noutra, creando un ambiente sonoro”, asegura a actriz. As espectadoras e os espectadores que acudiron á súa estrea o pasado 28 de maio no Auditorio de Goián, Tomiño, xa se decataron da importancia do son nesta obra.

“Non queriamos empregar un proxector e preferimos apoiarnos na contorna sonora”, admite a actriz. Por este motivo a música tamén é fundamental ao crear todo un espazo sonoro que é obra, neste caso, de Mónica de Nut. 

Pór de acordo todos eses elementos humanos e dramatúrxicos foi tarefa de Vanesa Sotelo, quen asumiu a dirección da obra. O equipo completouno Susana Blasco, autora do collage que aparece en escena; Xacobo Castro, responsábel da iluminación; Gasa Damasco, creadora do vestiario; e Andrés Seara, na fotografía, xunto a Alexandra Penabade, realizadora do vídeo e o trailer. 

Reparar a memoria histórica co teatro

"Tócanos a nós agora reparar todas estas desaparicións forzadas e devolverlles un lugar visíbel, e podemos logralo por medio do teatro, pois é a nosa ferramenta de traballo e o noso xeito de mudar o mundo", asegura Iria Pinheiro, "divulgar esta peza de carácter documental dunha maneira artística pode facer moito pola reparación da memoria histórica nunha época na que é vital non deixar de facelo", engade. A obra reconstrúe os anos nos que Emilia Docet Ríos vive a súa faceta de Miss e ten a intención de coñecer a vida que levaba nesa intensa época na que os actos públicos parecen ser o centro da súa existencia.

Emilia era unha disciplinada deportista e estudante de Peritaxe Mercantil que aproveitaba, daquela, a circunstancia da súa popularidade para expresar tamén o seu galeguismo. 

Máis alá desa etapa, na que participa mesmo no Mitin das Arengas o 24 de xullo de 1934 xunto a Castelao, Bóveda, Suárez Picallo, Paz Andrade e Lugrís Freire, entre outros, a obra entra nesa zona menos coñecida despois do golpe de Estado. “Sabemos pola prensa que rematou os seus estudos e logo traballou no laboratorio Miguel Servet na cidade de Vigo, e que e en 1940 casou con Francisco Novoa Ortiz, funcionario de Obras Públicas con quen tivo dous fillos. Aquí desaparece a figura pública de Emilia Docet”, explica a actriz.

Para Pinheiro, contar esta historia en público é "unha débeda con ela e con todas as mulleres anónimas que quixeron unha sociedade xusta e que foron obrigadas a desaparecer na súa loita. A nosa loita".

A obra iniciou a súa xira por todo o país e, ademais de Rianxo, poderá verse no Grove (12 de setembro), Vimianzo (27 de novembro) e Pontevedra (9 de febreiro de 2023). 

Comentarios