Audiovisual

A lenda rianxeira do Castelo da Lúa feita curtametraxe

A produtora Vou Films estrea en Rianxo unha curtametraxe que trae á actualidade a lenda medieval do Castelo da Lúa. Desde o local e coa colaboración como bandeira, este pequeno colectivo desenvolve a súa actividade audiovisual arredor da divulgación histórica para todos os públicos.
Fotograma da cutametraxe 'O Castelo da Lúa'
photo_camera Fotograma da cutametraxe 'O Castelo da Lúa'

A produtora Vou Films estrea o seu último traballo este sábado 25 de xaneiro ás 20 horas no auditorio de Rianxo. O Castelo da Lúa trae aos nosos días unha coñecida lenda medieval que arrodea a construción rianxeira que dá título á peza. Trátase dunha historia de amor "estilo Romeo e Xulieta, pero adaptada ao noso contexto", explica o director, Lois Basallo, a respecto do mito. Contan que un guerreiro caeu en mans do señor feudal do castelo e namorou da súa filla. Mais cando as amantes se fugaban xuntas, unha frecha alcanzou o guerreiro e a súa namorada, desfeita, botouse ao mar e afogou. "Collemos esa lenda e trouxémola aos problemas actuais", di Basallo. Así, introducen a familia conserveira dos Salorio como protagonista.

"Collemos esa lenda e trouxémola aos problemas actuais", di Basallo

A peza, de 27 minutos, chega aínda quente do forno. A rodaxe rematou en decembro do pasado ano e a edición foi contrarreloxo, con máis de 200 horas de traballo. O proceso de produción estivo cheo de malabarismos, pois Vou Films é unha desas pequenas produtoras que traballan maioritariamente a través de colaboracións, co pulo da paixón polo audiovisual como motor. "O elenco e a equipa facemos todo de maneira altruísta, sen cobrar ningún", asegura Basallo._MG_7098

Sergio Pazos, Miguel Pernas, Brais Abad, Xelo Cagiao, Claudia Basallo e Gemma Do Carmo son as principais intérpretes. Ademais do Concello de Rianxo, o tecido social é un dos apoios fundamentais que fixo posíbel a realización do proxecto.

Á parte desta curtametraxe, en Vou Films están a crear unha triloxía (As lavandeiras, As costureiras e As peixeiras) artellada sobre o eixo das mulleres da época de posguerra, con elementos fantásticos propios da cultura galega, como pode ser a Santa Compaña. Un traballo que medra devagar co obxectivo de se converter en webserie cando cheguen ao número de pezas suficiente.

Dar a coñecer a historia

"Gostamos moito da nosa cultura e tradición", reivindica Basallo, o que se manifesta quer nos traballos anteriores quer na nova peza. En Vou Films entenden a ficción como "unha vía para divulgar a nosa historia", explica Adriana Rego, a produtora. "Eu ademais son historiadora e Lois é xeógrafo, polo que temos un interese especial nestas temáticas", confesa. De feito, tras a proxección do sábado, como adoitan facer cos seus outros audiovisuais, ofrecerán "unha mesa-debate cun arqueólogo [Mario César Vila] para explicar o contexto". Así conseguen completar aquela máxima de ensinar case sen que as espectadoras se dean conta de que están a aprender.

En Vou Films entenden a ficción como "unha vía para divulgar a nosa historia", explica Adriana Rego

"Gostamos do que facemos, mais non temos todos os medios que nos agradaría", di Basallo. O panorama do audiovisual veno complicado, mais cren en optar polo pequeno, procurando a "repercusión" que lles dea a "oportunidade de facer algo maior". Por proxectos non será, pois teñen xa "varios entre dentes", di Basallo, mais agora a prioridade é "que saia todo ben nesta estrea". E logo, a seguir remando.

Comentarios