Un leite que apoia a música galega

A re-entrada no mercado de Deleite está a apostar por reforzar a súa imaxe de leite galego. E agora vén de dar un paso máis aló: o Festival do Leite, que chega coa idea de “poñer en valor a importancia estratéxica do sector lácteo galego”.

deleite
photo_camera Presentación esta mañá do Festival do Leite

O cartel do Festival do Leite acollerá nove bandas do actual panorama musical galego, nun evento creado para o público familiar que comezará ás dúas da tarde. Integran o cartel Novedades Carminha, Eladio y los Seres Queridos, Familia Caamagno, Ataque Escampe, Los Árboles, Los Chavales, Oh Ayatollah, Os da Ría e Tony Lomba.

Deleite, a marca propiedade dun grupo de gandeiros galegos, vai organizar de xeito anual este festival, un evento co que quere poñer en valor a importancia estratéxica do sector lácteo galego. En Galiza víñanse celebrando máis de 400 festas gastronómicas e preto de 300 feiras sectoriais ou multisectoriais, pero non había ningún evento dedicado ao produto agrario con máis potencia simbólica en Galiza. 

A primeira edición do Festival celebrarase en Santiago de Compostela, no Parque de Belvís, o sábado 17 de setembro. O evento será itinerante e en próximos anos chegará a outros puntos do país. Para o 2017, está prevista a súa celebración en Lugo.

O Festival do Leite está organizado e promovido por Deleite, unha marca que volveu ao mercado o pasado mes de maio. O retorno de Deleite está impulsado por Leite Noso, unha sociedade constituida por un grupo de gandeiros galegos que se xuntaron, segundo eles, “para asumir de xeito directo o reto de comercializar o seu leite, sen intermediación dunha industria”.

Os detalles da primeira edición do Festival do Leite presentáronse hoxe -quinta feira- en Santiago nunha rolda de prensa na que participaron Patricia Sánchez, xerente de Leite Noso, S.L, a sociedade propietaria da marca Deleite; o actor Xosé Antonio Touriñán e Manuel Tarrío, responsable da empresa produtora do festival.

“Poñer en valor a gandaría galega”
 
A marca sinalou como principais obxectivos “dar a coñecer e poñer en valor a gandaría galega, reivindicar o sector leiteiro como estratéxico e de vital importancia para a economía do rural galego e celebrar que temos un leite de calidade”, ademais de manifestar “o compromisocoa cultura galega, en todos os seus ámbitos, así como a vocación solidaria da marca”.

Neste último aspecto, o festival concíbese como un evento solidario. Todos os beneficios que se obteñan coas barras e co merchandising destinaranse este ano a ONGs que traballan cos refuxiados que están a chegar a Europa. A entrada ao Festival é de balde, pero pídeselle aos asistentes que, se lles é posible, acheguen nos puntos de acceso alimentos de primeira necesidade (arroz, pastas, galletas, leite infantil, etc.) con destino á Federación Galega de Bancos de Alimentos.

Comentarios