ASER ÁLVAREZ, DIRECTOR DE ‘SÍSIFO CONFUSO’

“Leiro é un galego de pura cepa, un artista dunha peza, un home cun talento extraordinario”

O 2 de outubro estrearase no Raindance Film Festival de Londres ‘Sísifo confuso. Traballos e días de Francisco Leiro’, un documental asinado por Aser Álvarez, quen durante tres anos foi testemuña privilexiada do proceso de creación dun dos artistas galegos máis internacionais.

leiro
photo_camera Francisco Leiro [Foto: Arraianos Producións]

- Estrea mundial no Raindance Film Festival, que gran noticia.  
- Si, é un dos festivais de primeiro nivel a nivel internacional. Foi unha sorpresa moi agradable. A estrea é o día 2 de outubro nun cinema en Piccadilly, no principal espazo de exhibición do festival o propio día da clausura, estamos moi satisfeitos. Foi todo un subidón que o seleccionaran. 

- Despois do documental sobre Celso Emilio Ferreiro agora mergúllaste en Francisco Leiro. Por que?
- Foi un pouco unha casualidade, pero é certo que hai un vínculo entre eles. Con Leiro estiven no anterior documental, cando el le uns poemas de Celso Emilio. El é unha persoa moi tímida e convencelo para ler un poema non foi doado. Así que díxenme que se fomos quen de facer isto podemos facer un documental -parecíame moi sorprendente que a un tipo da súa categoría e en plena madurez da súa traxectoria nunca se lle tivera feito un documental-. Entón fíxenlle o plantexamento que me parecía o único posible: non un documental biográfico ou sobre a súa traxectoria, senón algo completamente diferente, centrado no tempo presente e nas condicións físicas e mentais do seu traballo. Observalo, velo traballar, que nos deixara entrar nos seus lugares de traballo. E así foi como comezou a fraguarse o proxecto. Foi un proceso de procura. E así pasaron máis de tres anos rodando primeiro en Cambados, no seu principio do mundo, rodando todo o proceso da pedra, desde a canteira até a realización dunha obra de grande envergadura, un dos seres do Averno que ten no seu estudo na Pantrigueira. Despois seguimos traballando o proceso da madeira e toda a fase final dun proceso expositivo, porque el está constantemente traballando. El permitiunos que nos achegaramos a el, que accederemos aos seus espazos. E así foi como fomos á inauguración de ‘Purgatorio’, a exposición de Madrid, que foi algo moi interesante porque era todo o proceso de subidón, remate das obras, montaxe, últimos detalles, moito estrés… E logo xa o de Nova York, que foi moi interesante, porque para el supón a desconexión, pasar páxina e empezar outra nova historia. 

Aínda que a el non lle gusta teorizar, o proceso de reflexión que hai nas súas obras é tremendo.

- Ese reparto xeográfico como se explica? Hai cousas que fai nun lugar e outras noutro?
- Iso terías que preguntarllo a el, pero eu como observador o que si ves é que, como di Txomin Badiola, é o sobrevivinte dunha época heroica da escultura, na que todo sae dun proceso de traballo físico intensísimo, onde tamén no seu caso se combina cun proceso reflexivo moi forte e constante. Aínda que a el non lle gusta teorizar, o proceso de reflexión que hai nas súas obras é tremendo. Aquí en Cambados é onde fai acopio dos materiais, onde fai a parte máis importante de montaxe dos grandes elementos, tanto de madeira como pedra. A pedra trabállaa case toda aquí e a madeira primeiro ensámblaa aquí e logo lévaa a rematar en Madrid. En Madrid é un traballo máis solitario, aí xa non ten axudante ningún, xa é un traballo máis de matizar e rematar. E Nova York no seu tempo foi un lugar de rematar obras alí, pero agora é máis de desintoxicarse disto, coller ideas e ir a airearse. Nos anos 80 e 90 tiña alí unha base de operacións máis estable, pero agora non. E a estrutura xustifícase polos seus tres lugares de traballo. A idea era tratar de facer algo moi centrado nas condicións físicas e mentais do seu traballo e tratar de amosar todo iso sen ningún tipo de rollo discursivo nin teorización. Simplemente de aí é de onde emerxe a tremenda forza visual do traballo, axudado pola banda sonora extraordinaria de Lucía Martínez. Fixemos música co son das ferramentas de Leiro, fixemos música do ruído, como dicía Bresson. Hai momentos en que parece que as esculturas falaran. E de repente todo adquiriu unha nova dimensión. Creo que quedou un documental moi orixinal, como foi un proceso tan longo foise mimetizando un pouco co propio Leiro. Traballamos moito coa intuición, co inesperado, sen un plan previo fóra da estrutura inicial. 

Fíxenlle o plantexamento que me parecía o único posible: non un documental biográfico ou sobre a súa traxectoria, senón algo completamente diferente, centrado no tempo presente e nas condicións físicas e mentais do seu traballo.

- Leiro é un personaxe inconfundible e recoñecible, pero tamén moi pouco coñecido, no sentido de que sabemos poucas cousas del. Como é?
Leiro é un galego de pura cepa, un artista dunha peza ademais, un home cun talento extraordinario. E ao traballar cunha persoa con tantísima forza como el ten tamén ten as súas complicacións, porque el nunca antes accedera a facer un documental, e é un grao de exposición grande aínda que só observabamos a unha distancia prudencial, pero sempre incomoda, xera tensión… E nese sentido, eu só teño palabras de agradecemento para el, é un home dunha xenerosidade total. Abriunos as portas da súa casa, dos seus estudos… Para nós foi un luxo, vendo como debuxa, que o debuxo ten unha importancia esencial. Foi unha experiencia que non esquecerei. E el é moi tímido, e moi pouco dado á exposición pública. A pesar de que foi un traballo durísimo, tamén foi moi placenteiro e enriquecedor, e agora moi satisfactorio ver que hai festivais internacionais que se interesan, a pesar de que é un documental de autor, entre aspas. Ten unha visión moi persoal.

Como di Txomin Badiola, é o sobrevivinte dunha época heroica da escultura, na que todo sae dun proceso de traballo físico intensísimo, onde tamén no seu caso se combina cun proceso reflexivo moi forte e constante.

- Logo fará percorrido por outros festivais, non?
- Si, logo da ‘première’  a idea é que comece unha xeira por diferentes festivais. 

- Cando a poderemos ver en Galiza?
Supoño que non tardará moito, pero verase aquí por suposto, tamén na TVG, a finais deste ano ou o ano que vén, pero a min o tema da distribución non me interesa nada. Agora xa estou traballando noutro documental sobre el, precisamente. 

- Ah, si?
- Como tiñamos tantísimo material, rematamos facendo outro, que se vai titular ‘O Purgatorio de Francisco Leiro’ e vaise emitir en ‘Imprescindibles’ en TVE2, unha encomenda que nos fixeron. É un diálogo entre Txomin Badiola falando con Leiro sobre a exposición do Purgatorio, pero con carácter didáctico e moi divulgativo. Eles dous son posiblemente os dous mellores escultores que hai agora mesmo no Estado. E era un material demasiado bo para que quedara aí. Agora é no que estou máis centrado, e este si que se estreará a finais de decembro. 


Tráiler oficial de"Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro" from Arraianos Producions on Vimeo.

Comentarios