Con dirección escénica de Quico Cadaval

Leilía repasa a súa historia na nova xira CantarELAS

Ás súas voces e mans e coiros e ferreñas corresponde non pouca da responsabilidade na recuperación popular da música de pandeiretas. Tres décadas despois da súa fundación, Leilía repasa a súa historia nunha nova xira, CantarELAS, que comeza este 16 de maio nas Neves.
 

Leilia (Foto:Karlos Abal Lobato).
photo_camera Leilía na Coruña durante a presentación de 'CONsentimento' en 2012. Foto: Karlos Abal Lobato.

“O espectáculo xunta temas emblemáticos do grupo con outros menos coñecidos”, explica nun comunicado, “sempre cunha coidadísima posta en escena”. Que, desta volta, corre a cargo do dramaturgo Quico Cadaval. “Experiencia musical inesquecíbel”, é o que promete Leilía, con cinco discos no currículo e un amplo e profundo traballo de rescate do folclore.

O seu primeiro disco, homónimo e datado en 1994, “abriu un camiño propio”, a forza de pezas tradicionais. Co tempo, incorporaron instrumentos e “polifonías non tradicionais” en discos como I é verdade i é mentira (1998) e Madama (2003). Neste último empregaron letras con temática actual. Son de Leilía (2005) foi un percorrido retrospectivo aos 15 anos e en CONsentimento (2012) xuntan letras de escritoras con melodías tradicionais.

Integrada por seis mulleres -Ana, Patri, Merchi, Montse, Felisa, Rosario: así se nomean na súa páxina web-, Leilía “forma parte do maxín colectivo galego”. Este CantarELAS xa pechou sete concertos máis alén do das Neves: Portas (17 de maio), Lugo (18 de maio), A Coruña (7 de xuño), Muros (29 de xuño), Ortigueira (14 de xullo), Verín (10 de agosto) e Bergondo (24 de agosto). 

Comentarios