Leilía despídese dos escenarios após 34 anos

As artistas que marcaron un antes e un despois no panorama da música tradicional da Galiza poñen fin a unha exitosa carreira coa xira 'Vidas Cantadas'.
Leilía naceu en 1989. (Foto: Culturactiva)
photo_camera Leilía naceu en 1989. (Foto: Culturactiva)

Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez deron vida á xa mítica banda Leilía en 1989 co obxectivo de "recuperar do esquecemento a tradición oral". Agora, máis de tres décadas despois, anuncian a súa despedida dos escenarios. Será coa xira Vidas Cantadas, a derradeira, coa que pretenden "fechar un círculo" retomando cancións do vello repertorio mais cun "aire novo".

No multitudinario concerto que ofreceron o pasado sábado na Festa do Queixo de Arzúa avanzaron a decisión, que provocou unha forte ovación do público. Ao longo do ano levarán o seu espectáculo a diferentes puntos da Galiza, manténdose sempre fieis á súa esencia: "Pór en valor a tradición oral herdada das mulleres das aldeas que compartiron connosco coplas, toques e moita sabedoría popular".

Leilía: "Estamos infinitamente agradecidas ás nosas informantes, e tamén ao público que nos apoiou e arroupou"

Desde o grupo lembran que, cando comezaron a súa andaina, o canto e a pandeireta "estaban esmorecendo" na Galiza. Porén, hoxe, botando a vista atrás, ven como "esta realidade mudou" e agora estes elementos forman parte das vidas de moitísimas persoas deste país.

"Estamos moi contentas e orgullosas de todos os pasos dados ao longo destes anos, e estamos infinitamente agradecidas ás nosas informantes, e tamén ao público que nos apoiou e arroupou", afirman as artistas que marcaron un antes e un despois na música galega.

Leilía: "Se botamos a vista atrás sentimos orgullo polo labor feito na recuperación e dignificación de tradición oral galega"

Na última entrevista que concederon a Nós Diario, en xullo do pasado ano, explicaban o significado deste último traballo: "Tanto tempo permítenos dicir que levamos unhas 'Vidas Cantadas', como cantadas tamén eran as vidas das mulleres das aldeas que nos aprenderon canto sabían e das que nós bebemos o zume da terra".

"Se botamos a vista atrás sentimos orgullo polo labor feito na recuperación e dignificación de tradición oral galega, pero tamén pola influencia que tivemos na expansión e recoñecemento desta, ao sacar do esquecemento parte do legado cultural deste país", rememoraban.

Comentarios