O legado de Xela Arias, tamén na pequena pantalla

A TVG emite hoxe ás 15.15 horas o documental 'Vencerse é cousa de se tratar', que ten como fío condutor a creación do mural de Xela Arias que loce en Sarria, na rúa que leva o nome da autora, a carón da capela de San Lázaro.
Maite Ferreiro, con Manuel Fernández (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera Maite Ferreiro e Manuel Fernández (Foto: Deputación de Lugo).

As homenaxes a Xela Arias non se limitan ao papel, e a Televisión da Galiza (TVG) emitirá hoxe ás 15.15 horas o documental 'Vencerse é cousa de se tratar', producido en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que ten como fío condutor a creación do mural de Xela Arias que loce en Sarria, na rúa que leva o nome da autora, a carón da capela de San Lázaro.

O traballo documental, de Valeria Pereiras, constrúese a partir da gravación deste traballo artístico de Mon Devane e coa participación de estudantes dos institutos Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández de Sarria, convidadas a reflexionar sobre a figura de Xela Arias e dar opinión sobre a súa escrita.

"Xela Arias pertence a esa xeración de poetas dos 80 que conectan de modo especial coa mocidade, coas súas inquedanzas, ansias de liberdade e espíritu rebelde", apunta o produtor executivo do audiovisual, Manuel Fernández, que destaca “a intención de destacar o carácter performático da poesía de Xela Arias".

O documental recolle, ademais, a lectura a cámara de poemas da autora sarriá por parte de persoas destacadas da literatura e tamén da música galega.

No que respecta á biografía, o audiovisual divulga os aspectos máis descoñecidos e curiosos da vida da escritora "a través de rótulos sobreimpresos, con frases breves que resumen de modo dinámico a súa traxectoria", explica o produtor.

"A participación da mocidade e os recursos da arte urbana, tanto no que ten que ver co fío condutor como na rotulación do audiovisual, contribúen a facer do documental unha produción afastada doutras máis canónicas que se están a facer durante este ano, por iso apostamos por colaborar coa produción", explicou Maite Ferreiro.

Comentarios