O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz: un traballo a través dos lazos musicais entre Galiza, Portugal e Estremadura

carta jacunta landa

Este 17 de novembro o investigador e músico rianxeiro José Luis Pico Orjais presenta en Lisboa O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz, unha obra que xunto co traballo de Domingos Morais (Universidade de Lisboa) e Pilar Barrios Manzano (Universidade de Extremadura) fai un repaso polo repertorio musical autóctono que a mestra gravou a capella durante o seu exilio en México. Estas gravacións recollen as melodías da infancia de Jacinta na súa Badajoz natal, xunto con pezas portuguesas (terra da súa nai) e galegas; estas últimas lembranza da súa vida en San Fiz de Vixoi xunto co seu primeiro esposo, o filósofo e escritor Xoán Vicente Viqueira.

Jacinta Landa Vaz (3 de novembro de 1984, Badajoz – 13 de xullo de 1993, México) foi unha mestra formada baixo os principios da Institución Libre de Enseñanza, que a finais dos anos vinte funda a Escola Plurilingüe, un centro de ensino pioneiro na España do ditador Miguel Primo de Rivera. O compromiso de Jacinta coa república conduciuna ao exilio, onde quizais por mor da saudade, decidiu gravar unha serie de melodías evocadoras da súa orixe. Estas gravacións foron atopadas por José Luis Pico Orjais case por casualidade: “Levaba tempo traballando con autores que ademais de ser filósofos, escritores, etc. foran tamén músicos, Lín que Vicente Viqueira compuxera pezas musicais e púxenme en contacto coa súa familia. Foi aquí cando coñecín a Jacinta Palerm, neta de Viqueira e Jacinta e profesora de antropoloxía na Universidade de México. Comentoume que non sabía nada sobre a música do seu avó pero que tiña gravacións da súa avoa. Mandoumas e cando vin o material sabía que tiña algo moi valioso en canto a material de floclore”. Pico Orjais destaca especialmente o traballo de Jacinta Landa desde o punto de vista pedagóxico. “Landa Val é unha personaxe histórico para a nosa cultura máis alá de ser muller de Viqueira, iso é o mais circunstancial".

“É unha muller que se mete nunha cabina de gravación en México, como fixo Elvis Presley nas súas primeiras cancións, simplemente para ter un rexistro que poder pasar aos seus netos”

O seu traballo dentro da ensinanza forma parte da nosa historia. Foi creadora e directora xunto con Castillejo da Escola Plurilingüe e da Escola Internacional. Ambas escolas fúndanse consecutivamente pola mestra e pedagoga. “A Escola Internacional é un proxecto persoal de Jacinta totalmente innocavor, truncado pola Guerra Civil. Ata que iso pasou, Jacinta foi directora dun centro onde estudiaban os fillos da intelectualidade madrileña (Pedro Salinas, Andrés Segovia…) que encontraron un lugar onde levar aos seus fillos para que puidesen estudiar dunha forma cosmpolita. Era unha especie de cooperativa entre pais, que eran os propietarios da empresa. Había unha implicación absouta por parte das familias”. “Ademais Jacinta era experta en linguaxe de cegos e xordomudos”. Pico Orjais destaca tamén a súa faceta feminista: “Forma parte tamén do movemento feminista que se crea en Madrid, o Liceum. É o colectivo onde se atopaban as mulleres máis relevantes da república, unha institución perfectamente organizada centrada no debate e formado fundamentalmente por mulleres que sería ser escritoras. Mulleres que querían ser donas dunha obra literaria e ser tratadas por iguais, non ser vistas unicamente como autoras de literatura para mulleres”.

Neste libro-cd podemos atopar as gravacións feitas por Landa Vaz durante os anos cincuenta xunto cunha biografía escrita por Pico Orjais e Jacinta Palerm, neta da pedagoga. “É unha muller que se mete nunha cabina de gravación en México, como fixo Elvis Presley nas súas primeiras cancións, simplemente para ter un rexistro que poder pasar aos seus netos”. “Ademais da transcripción en partitura dos audios fixemos un estudo de análise do material. A parte galega fixena eu, a parte portugesa Domingos Morais e a estremeña Pilar Barrios”.


Durante a presentación do libro intervirá o grupo galego Barahúnda, que tamén participará durante a sétima feira no concerto organizado pola asociación José Afonso,Zeca, co motivo do 30 aniversario da morte do músico portugués. O acto, que terá lugar no Fórum Lisboa a partir das 16 horas, contará tamén coa participación do músico Francisco Fanhais e a súa banda, o Grupo de Etnografía e Folclore da Academia de Coimbra e o grupo coral Viva Voz e coros da universidade. A entrada ten un custo de 10 euros e pode reservarse por e-mail a través de [email protected]

Comentarios