O legado fílmico inédito de Iván Zulueta poderá verse no festival (S8)

A Mostra Internacional de Cinema Periférico proxectará máis de 60 pezas do arquivo persoal do artista que non saíran á luz ata que foron adquiridas por Filmoteca Española, no seu esforzo por preservar e difundir o patrimonio cinematográfico do noso país.

Still de 'A/Z Zulueta inédito'.
photo_camera Still de 'A/Z Zulueta inédito'.

O arquivo fílmico inédito de Iván Zulueta inaugurará a décimo cuarta edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, o vindeiro 26 de maio. Será a primeira dun total de sete sesións que o festival dedicará a proxectar o legado do mítico cineasta. 

Materiais fílmicos rodados entre os anos 30 e 80 do século pasado, vinculados á súa vida persoal, aos movementos culturais do Estado durante a transición e á vangarda cinematográfica, que foron adquiridos en 2021 por Filmoteca Española e estruturados, tras un profundo traballo de investigación e conservación, no ciclo A/Z: Zulueta inédito. 

Cineasta, debuxante, ilustrador, realizador, decorador, actor e fotógrafo, Zulueta desafiou as barreiras entre as disciplinas artísticas, e precursor do cinema underground e experimental.

 

O ciclo, que poderá verse na Coruña da man do (S8), inclúe entre outras pezas, películas familiares e primeiros rexistros e curtametraxes de Zulueta, filmacións de festas con amigas e coñecidos que reflicten o ambiente cultural da Movida a finais dos setenta -entre as que figuran imaxes dunha das primeiras manifestacións no Estado en apoio aos dereitos das persoas LGBT-, e materiais inéditos rodados durante a creación da súa longametraxe Arrebato (1979), un dos filmes cume da cinematografía. Materiais que se crían perdidos ou dos que non se tiña constancia da súa existencia, e que permiten ampliar o coñecemento sobre un dos creadores imprescindíbeis do cine estatal. 

O ciclo A/Z: Zulueta inédito desenvolverase ao longo da Mostra e continuará durante todo o mes de xuño como parte da programación estendida do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico na Filmoteca da Galiza. 

Comentarios